Os veciños da Estrada recuperan 'El Emigrado' cen anos despois

A Asociación Cultural Vagalumes pon na rúa un exemplar deste xornal no programa de actos para celebrar o centenario da súa publicación
Veciños paseando pola Estrada. DP
photo_camera Veciños paseando pola Estrada. DP

A Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada, dentro dos actos de conmemoración do centenario de El Emigrado, vén de realizar unha publicación de homenaxe a este xornal, dedicada a dar a coñecer a súa historia e as persoas que protagonizaron esta empresa cultural.

Colaboran nesta publicación: Marcos Borrageros, Clara Iglesias, Luís Ferro, Héctor Vázquez, Manuel Cabada, Xoán Carlos Garrido, Mª Xesús Nogueira, Goretti Sanmartín e David Otero, con artigos sobre a traxectoria deste xornal, a vida do seu máis duradeiro director, Xosé Otero Abelleira, a prensa local desde principios do século XX até a actualidade, a presenza dos escritores García Barros e Cabada Vázquez nas súas páxinas, o recoñecemento a quen sufriu represalias e mesmo a morte por exercer a través desta canle a súa libre expresión, e o impacto na nosa cultura actual e nos escritores contemporáneos. Esta publicación foi realizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e vai ser distribuída gratuitamente aos centros de ensino do concello.

El Emigrado é o froito de décadas de loita pola emancipación das clases populares, que viron a necesidade de ter un órgano de expresión das súas ideas e de información ao servizo da verdade e dos intereses do pobo.

Desde as súas páxinas denunciábanse inxustizas, reclamábanse melloras e dábase conta do que pasaba á veciñanza

Foi posíbel grazas á emigración. Os estradenses desterrados desde Cádiz, Arxentina e, sobre todo, desde Cuba, puxeron os cartos gañados a base do seu propio esforzo e, en vez de gastalos no seu beneficio particular, acordan investilos ao servizo do ben común, da súa colectividade e de Galicia.

Desde as súas páxinas denunciábanse inxustizas, reclamábanse melloras e dábase conta do que pasaba á veciñanza, mais tamén, desde 1920 e durante 20 anos, foron quen de ser canle da creatividade cultural local como é o caso de García Barros ou Cabada Vázquez. Outros perderon a vida por expresar as súas ideas: Cortés Fernández, Bernardo Mato, Xoán Xesús González e Roberto Blanco Torres.

Comentarios