Verán de reformas no IES Antón Losada Diéguez

O instituto estradense estreará o próximo curso unha FP Dual de Instalación e amoblamento coa empresa Martínez Otero Contract
Visitas del IES Antón Losada Diéguez. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera O IES Antón Losada Diéguez. PATRI FIGUEIRAS

O IES Antón Losada Diéguez embarcarase este verán en obras de mellora que permitirán reformar o centro e adaptalo ás necesidades educativas que actualmente presenta o instituto. E é que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación para realizar actuacións por importe de 240.132 euros

Segundo explica o Goberno autonómico, as obras, que se iniciarán proximamente e se compatibilizarán co inicio do curso escolar, "sempre baixo as máximas medidas de seguridade", teñen como finalidade atender as necesidades de espazo dos ciclos da familia de Automoción que imparte o instituto estradense, mediante a adaptación dos talleres no referente ao número de espazos e dimensión dos mesmos, así como necesidades expostas polos módulos de formación profesional que se imparten na actualidade. 

As obras dividiranse en tres partes. Na primeira delas acometerase a demolición do forxado existente na primeira planta da nave central e construirase, na segunda, un novo para dar soporte á nova aula de electricidade proxectada. 

Doutra banda, reordenaranse os espazos auxiliares da planta baixa de dúas das naves, o que permitirá dotar os talleres dun vestiario feminino e aseo adaptado, así como acondicionar un novo espazo de vestiario masculino, que resulta pequeno para o número de usuarios que actualmente o utilizan. 

Segundo detalla a Consellería de Educación, os traballos teñen un prazo de execución de dous meses e medio

Este mércores termina, ás 13.00 horas, o prazo de solicitude de praza para ciclos de Formación Profesional. Ademais da oferta educativa habitual que ofrece o instituto estradense, este ano ofertará, como novidade, o ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma. Pola súa banda, á formación de grao medio sumarase o próximo curso o FP Dual de Instalación e amoblamento, que se realizará coa colaboración da empresa Martínez Otero Contract.

Comentarios