Vila de Cruces ve reforzada a súa oferta deportiva cunha pista de pádel cuberta

Foi posible grazas a unha achega procedente do Plan Concellos da Deputación
Visita á pista de padel. DP
photo_camera Visita á pista de padel. DP

O Concello de Vila de Cruces vén de transformar espazos moi relevantes para a veciñanza ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Cun investimento total que supera os 374.000 euros deu un impulso aos servizos que o concello dezano ofrece á súa veciñanza coa pavimentación e mellora da capa de rodaxe de 13 camiños en 7 parroquias e a construción dunha pista de pádel a carón das antigas casas de mestres. As obras foron visitadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Luis Celso Taboada, e varios concelleiros/as.

Os veciños e veciñas de Vila de Cruces xa gozan dun novo espazo para a práctica deportiva. A achega de 157.698 euros da Deputación fixo posible a creación dunha pista de pádel cuberta nunha parcela de 300 metros cadrados a carón das vivendas dos mestres e mestras do colexio Nosa Señora da Piedade, situado no centro urbano do concello.

Doutra banda, os traballos executados nos camiños rurais do Concello de Vila de Cruces, nos que se investiron 216.321 euros, fixeron posible a conservación dun total de 13 camiños nas parroquias de Cumeiro, Carbia, Losón, Toiriz, Sabrexo, San Tomé e Bodaño.

Comentarios