Xa son sesenta primeiros de agosto nos que Catoira celebra a Romaría Viquinga. Este domingo, aínda que baixo unhas condicións peculiares e cun programa diferente ao tradicional, volveuse celebrar esta festa considerada de Interese Turístico Internacional.
A pesar de que o evento principal era un desembarco multitudinario no que os viquingos asaltaban a zona das Torres do Oeste, este ano tivo que facerse unha versión reducida desta batalla polas restricións sanitarias: as tres embarcacións das xa clásicas bandeiras branquivermellas chegaron ás ruínas infestadas de furiosos viquingos, pero non houbo asalto nin combate. Tampouco houbo miles de persoas véndoo, como era norma nas edicións previas á chegada da pandemia.
Con todo, a festa seguiu presente en Catoria: pola mañá, un séquito de viquingos fixo un pasacalles para quentar o ambiente para que despois, cando chegase a música, o público estivese preparado.
Le a información completa na edición impresa deste luns de Diario de Pontevedra