A Virxe dos Milagres non quedou sen romaría

Os actos litúrxicos sucedéronse dende as 6.00 horas cun estrito protocolo anticovid ? Un gran número de fieis peregrinou cara o templo
Fieis na peregrinación ao santuario. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fieis na peregrinación ao santuario. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As máscaras e os xeles desinfectantes uníronse este ano ao kit de peregrinación cara o santuario de Amil, en Moraña, que na madrugada de onte xa comezaba a recibir devotos e habituais á tradición da Virxe dos Milagres, que non quedaron, a pesar da covid-19, sen polbeiro nin acceso ao santuario.

O día grande da Virxe dos Milagres, epicentro das romarías na provincia, transcorreu sen graves incidencias, e cun estrito protocolo para acceder ao templo, ao que acudiron numerosos fieis, que este ano non deixaron á Milagreira sen visita, a pesar de non poder tocala, como manda a tradición, debido ao protocolo anticovid. Tampouco houbo procesión, pero si varias misas ao longo de toda a xornada, na que a afluencia máxima estivo concentrada na misa solemne, celebrada ás 13.00 horas. Os actos litúrxicos sucedéronse tamén dende as 6.00 ata as 12.00 horas a cada hora, de pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas.

Oubiña Santuario de Amil, Moraña. Misa solemne dos Milagres

Non faltou o tradicional polbeiro nin a venda de estampas e estatuas da Virxe, nin tampouco as características candeas milagreiras con forma de cabeza, mans, pés, pernas e incluso de corpo enteiro, que foron depositadas ao pé dos queimadores de cirios, e que se podían contar por centos.

Aínda que a afluencia, e tamén os postos de venda, foron significativamente menores que outros anos, a causa da situación sanitaria, a cita contou con centos de fieis que acudiron ao santuario, a pesar de que a estampa característica de autobuses chegados dende distintos puntos do territorio galego e as aglomeracións non tiveron cabida nesta ocasión.

Comentarios