As vivendas dos mestres de Forcarei destinaranse a aluguer social

O Concello levará a cabo proximamente os traballos de habitabilidade necesarios, para os que a Xunta destina 8.200 euros
photo_camera Antiga vivenda dos mestres do grupo escolar de Forcarei. CEDIDA

O Concello de Forcarei levará a cabo proximamente os traballos de habitabilidade necesarios para que dúas das antigas vivendas dos mestres do grupo escolar de Forcarei poidan cederse para aluguer social, para o que se investirán 9.219,61 euros (sen IVE).

Concretamente, estas melloras consistirán na dotación de calefacción, auga quente sanitaria, novas instalacións eléctricas e outras accións menores. Inclúese tamén a revisión da rede eléctrica existente para independizala para cada vivenda, e a mellora e posta a punto das instalacións xerais do interior do edificio.

Os dous inmobles foron no seu momento rehabilitados polo anterior Goberno local, «pero aquela intervención non chegou a cumprir coas condicións mínimas e necesarias para poder facer un uso residencial dos mesmos», indica o Concello. E é que, explica, a actuación desenvolvida daquela non incluíu cadro eléctrico de protección e medida, calefacción, auga quente e outras instalacións interiores.

Por este motivo, o Concello solicitou unha subvención á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que a Administración autonómica acaba de confirmar. Aportará 8.297 euros.

Posteriormente, o Concello encargarase tamén da dotación de cociñas e sistemas de extracción de fumes para estas dúas vivendas, obras para as que busca novas vías de financiamento.

Unha vez que as dúas vivendas estean completamente rematadas e en situación de habitabilidade, procederase á redacción das bases para destinalas a aluguer social.

Comentarios