Os Xenerais da Ulla acuden á cita co Entroido telemático a través das redes sociais

A situación sanitaria forzou a suspensión da celebración, Festa de Interese Turístico de Galicia con orixe no século XIX
Un intre da representación que fixeron os nenos e nenas no patio do colexio Ramón de Valenzuela. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Un intre da representación que fixeron os nenos e nenas no patio do colexio Ramón de Valenzuela. PATRICIA FIGUEIRAS

Unha celebración tradicional e que se remonta a dous siglos atrás como a dos Xenerais da Ulla tamén tivo que adaptarse aos novos tempos obrigada pola situación sanitaria. As rúas, as corredoiras e as moreas de xente disfrutando do espectáculo foron substituídas pola fibra óptica, a banda ancha e as pantallas dos móviles e ordenadores. O importante é que ese internet que non pegaba nin con cola con esta festa de épocas moi afastadas serviu como vehículo para que a tradición puidese permanecer fiel a súa cita de cada ano.

O Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no 2013, suspendido este ano por mor da pandemia, tiña previsto celebrarse nuns 25 lugares e parroquias de oito concellos da Comarca da Ulla que asumen directamente a súa promoción: A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Sen embargo, estes municipios decidiron centrar os esforzos na mellora da visibilidade online, maximizando a publicación en redes sociais e, sobre todo, coa publicación dun novo e moderno site, dispoñible no seguinte enderezo: www.xeneraisdaulla.gal. A nova web destaca pola súa calidade visual, cun deseño adaptado ás novas tendencias que mellora notablemente a experiencia de usuario. Inclúe ademais actualizacións e melloras substanciais na súa programación, seguridade online, optimización para buscadores e adaptación a distintos soportes.

A presentación desta nova web de promoción conxunta deste Entroido intermunicipal coincidiu coa chegada das datas centrais do Entroido, nas que ademais os Xenerais da Ulla acompañaron con coplas e atranques en versión dixital, a través das redes sociais, adaptándose as circunstancias actuais e permitindo que o Entroido poda celebrarse de xeito virtual.

Cos avances na difusión en liña do Entroido dos Xenerais da Ulla os oito concellos implicados na promoción desta celebración veciñal tratan de seguir garantindo a supervivencia desta singular tradición, que remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011. Para a edición 2021, e en concreto para o lanzamento do novo sitio web, contaron coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse na web cuxo enderezo foi citado anteriormente e nas distintas contas que o grupo dos oito concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

Tamén se celebraron espectáculos dos Xenerais da Ulla en distintos colexios da comarca, como no CEIP Ramón de Valenzuela, no núcleo de A Bandeira no Concello de Silleda, e no CEIP do Foxo, no termo municipal de A Estrada. Unha decisión moi ben acollida polo alumnado que se volcou na participación e mantén así viva a tradición, especialmente entre os máis pequenos que se estrean aínda nestas lides.

Comentarios