Arquivan a denuncia contra o tenente de alcalde de Lalín por acoso e falsificación

O xuíz exculpa a Nicolás González Casares, que asegura ter sufrido "un calvario no persoal e no político"

El teniente de alcalde de Lalín Nicolás González Casares. BP
photo_camera O tenente de alcalde de Lalín Nicolás González Casares. BP

O Xulgado de Instrución Número 2 de Lalín acaba de decretar o sobresemento libre e o arquivo das dilixencias previas abertas por mor da denuncia presentada por un traballador do Concello de Lalín contra o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, ao que o empregado municipal acusou dun presunto delito de falsificación de documentos públicos, revelación de segredos e acoso laboral. Do auto xudicial, ditado o pasado día 12, despréndese que "aínda habendo novos indicios ou presentarse novas probas os feitos non poden ser investigados", polo que isto significa "o arquivo da denuncia". Así o anunciou na mañá deste venres o edil nunha rolda de prensa, arroupado polas súas compañeiras de filas no Goberno local, Celia Alonso e María Jesús Sánchez. "A xustiza é clara e firme", dixo. 

A denuncia foi presentada a finais de setembro de 2017 e o concelleiro foi citado a declarar no cuartel da Garda Civil un mes despois. "Quero dicir que nunca fun investigado nin tiven que ir á sede xudicial e iso sería por algo", recalca González, que admite ter sufrido durante este tempo "un calvario no persoal e no político", algo que incluso afectou á súa saúde e supuxo "un desgaste" porque "algúns queren facer dano sen ningunha xustificación". 

O xuíz alude ao pouco "fundamento" das argumentacións do denunciante e conclúe que a "única intención do denunciado era prover adecuadamente o funcionamento do servizo"

O edil lamenta as "filtracións" que se produciron sobre o caso aos medios de comunicación e asegura que "probablemente houbo colaboradores internos e, dende logo, está claro que si, unha intencionalidade política", afirma. "A intención non era máis nin menos que menoscabar a miña dignidade, honradez e honestidade, atacarme no persoal e amplificar" a magnitude do caso. "Todos sabemos quen é o denunciante, das súas relacións e o compromiso que podía ter", asegura.

O xuíz alude ao pouco "fundamento" das argumentacións do denunciante con respecto á suposta usurpación de identidade mediante o uso da súa firma dixital mentres se atopaba de baixa. A autoridade xudicial tamén exclúe "radicalmente a transcendencia penal" dos feitos denunciados, sinalando que a "única intención do denunciado era prover adecuadamente o funcionamento do servizo". 

Segundo o auto, as dilixencias practicadas "desmenten a situación de acoso laboral penalmente relevante". E engade que "nin asumindo integramente o relato do denunciante poderiamos entender cometido un delito de acoso laboral".
 

Comentarios