A Xunta avanza na execución do Centro Integral de Saúde de Lalín

Finalizou o baleirado da escavación e continúan as tarefas de apertura de noiros para a disposición de zapatas e vigas de atado
Unha imaxe da parcela cos avances das obras. CEDIDA
photo_camera Unha imaxe da parcela cos avances das obras. CEDIDA

Finalizou a fase de escavación da parcela na que se están a realizar as obras de construción do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín. As mesmas, que comezaron en maio, xa permitiron finalizar o baleirado da escavación e na actualidade continúan as tarefas de apertura de noiros para a disposición de zapatas e vigas de atado. Tamén se executaron os traballos de cimentación na zona que ocupará o Punto de Atención Continuada (PAC) e do brazo central.

Nesta semana están comezando os traballos de encofrado dos muros de forxado sanitario na contorna do brazo do PAC. Desde este punto avanzarase cara ao brazo oposto ao dispoñer neste a saída de terras de escavación.

A Xunta inviste 9 millóns de euros no centro. O edificio está situado nunha parcela de máis de 15.000 m² do Alto de Vales e contará con boas comunicacións, pola proximidade da estrada N-525. O CIS terá unha superficie de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada. Nas súas instalacións haberá área asistencial, área pediátrica, especialidades médicas e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, saúde mental, hemodiálise ou atención á muller.

Comentarios