A Xunta colabora na mellora de locais sociais na Estrada

San Xorxe de Cereixo e Santa Eulalia de Matalobos recibiron 12.000 e 13.200 euros, respectivamente
Natalia Prieto reuniuse cos veciños das dúas parroquias. DP
photo_camera Natalia Prieto reuniuse cos veciños das dúas parroquias. DP

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou este venres as actuacións levadas a cabo no Concello da Estrada ao abeiro do plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños. En concreto, Natalia Prieto comprobou as melloras que se levaron a cabo nos locais sociais das asociacións de veciños San Xorxe de Cereixo e Santa Eulalia de Matalobos.

No caso de San Xorxe de Cereixo, a entidade veciñal recibiu da Xunta de Galicia unha achega de 12.000 euros para acondicionamento e equipamento do local social no que realizan actividades en beneficio da comunidade de veciños. Trátase dunha edificación construída hai máis de 60 anos situada no adro da igrexa da parroquia de San Xorxe de Cereixo que presentaba, pola súa antigüidade, deficiencias importantes que obrigaron a reparar a fachada, arranxar a cuberta para evitar as filtracións de auga e eliminar as barreiras de acceso, actuacións que se levaron a cabo coa achega do Goberno galego.

A asociación de veciños Santa Eulalia de Matalobos, pola súa banda, solicitou tamén unha axuda ao abeiro da orde de acción comunitaria para levar a cabo diversas melloras no local social que empregan no baixo do campo da festa, onde se reúnen os veciños para actividades de baile, ximnasia, confraternización de maiores e visionado de películas, entre outras iniciativas. O espazo presentaba problemas de climatización e filtrado de auga, polo que se facía necesario cambiar as fiestras e a cuberta, ademais de pintar a fachada. Cunha achega de máis de 13.200 euros da Dirección Xeral de Administración Local, non só puideron levar a cabo estas melloras senón que ampliaron tamén o equipamento e mobiliario do local.

Natalia Prieto recordou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros.

Comentarios