Xuntos e PSOE gobernarán en minoría en Vila de Cruces

A formación que dirixe o alcalde, Luís Taboada, e o BNG non chegan a un acordo para a integración dos nacionalistas no equipo

Luis Taboada. DP
photo_camera Luís Taboada. DP

O Concello de Vila de Cruces terá un Goberno en minoría, polo menos de momento. Xuntos polo Noso Concello, a formación que, con tres edís, arrebatou o bastón de mando ao "popular" Jesús Otero nos pasados comicios municipais, formará equipo coa única concelleira socialista electa, María del Carmen Silva.

Xuntos, que ostenta a Alcaldía con Luís Taboada á fronte, non logrou un acordo co BNG, que conseguiu outros tres edís nas urnas o pasado 26 de maio, polo que a coalición de todas as forzas da esquerda pretendida inicialmente non será posible, aínda que Taboada non pecha as portas a un futuro acordo.

Durante a negociación que mantiveron ambos os partidos, a formación nacionalista, na que se estrea como portavoz o edil Álex Fiúza, pediu poder ocuparse das áreas de Medio Rural e Medio Ambiente, así como a rotación da Alcaldía no ecuador do mandato, entre outras esixencias. O rexedor, que foi apoiado polos nacionalistas na súa toma de posesión, considera que as pretensións do BNG son excesivas, de aí a súa decisión de non pechar agora un acordo de goberno con el. Co tempo apremando, ao fixarse legalmente como tope o 15 de xullo para celebrar o Pleno de Organización, Taboada desvelará nas próximas horas como quedará estruturado finalmente o seu equipo.

A súa idea pasa por outorgar á concelleira socialista as áreas de Economía e Facenda, mentres que os seus edís Mireya Otero e Xullo López ocuparíanse de Cultura e Deporte.

Comentarios