Os tres campus da Uvigo acollerán ata o verán diversas propostas de divulgación científica

Feiras, cursos de formación, concursos e xornadas promocionarán e difundirán a cultura científica, tecnolóxica e da innovación ► Estas actividades desenvólvense no marco do programa Ciencia de ida e volta

As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. UVIGO
photo_camera As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. UVIGO

A segunda edición do programa Ciencia de ida e volta –bautizado así en referencia ao movemento circular da ciencia– aterra co obxectivo de achegar a UVigo á cidadanía e de que esta coñeza a labor dos seus centros de investigación, os seus departamentos e os seus grupos de I+D. 

As actividades que se enmarcan neste plan –presentado este xoves no edificio Ernestina Otero– e que perseguen os davanditos obxectivos comezan a vindeira semana e prolongaranse ata o comezo do próximo verán. Terán lugar nos tres campus da Universidade de Vigo e están destinadas "a calquera tipo de público, de calquera idade", sinalou a vicerreitora de de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio. Feiras, cursos de formación, concursos e xornadas promocionarán e difundirán durantes estes meses a cultura científica, tecnolóxica e da innovación.

O programa arranca coa formación para o PDI

A vindeira semana comezarán as actividades da man dun plan de formación para o PDI, iniciativa que resultou "moi exitosa" o ano pasado, segundo indicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, quen tamén sinalou que esta edición do curso conta xa con máis de 40 persoas inscritas. 

As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. UVIGO
As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. UVIGO

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O novo plan de actividades inclúe tamén unha serie de actividades artelladas arredor do 11F na UVigo, que se desenvolverán na primeira quincena de febreiro para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. En colaboración coa Unidade de Igualdade, están programadas charlas en centros escolares, así como unha nova edición do programa ElasFanCienTec, unha proposta que comprende obradoiros na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, na Escola de Enxeñería Industrial, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio).

Feira científica A ciencia que vén ten nome de muller

Outro dos puntos fortes de Ciencia de ida e volta será a feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, que terá lugar na primavera. Como xa sucedeu no curso pasado, comprenderá actividades durante a mañá para alumnado de primaria de centros da contorna e, pola tarde, diversas propostas experienciais para un público familiar.

As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama durante a presentación de programa. UVIGO
As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama durante a presentación de programa. UVIGO

Bioblitz, podcast, youtubers científicos e conferencias

Outra das propostas para os próximos meses é un bioblitz, "unha busca do tesouro, con pistas" que servirá para conmemorar o Día Mundial da Vida Silvestre. Coincidindo co Día Mundial da Meteoroloxía, a UCC+i publicará unha serie de podcasts no que persoal investigador abordará a influencia do océano no clima.

Por outra parte, unha das experiencias que repite no programa é o concurso de vídeos Youtubers científicos, un certame aberto ao PDI da UVigo para que dean a coñecer o seu traballo ou algún contido científico nun máximo de dous minutos e de xeito divulgativo e entretido. Como actividade previa realizarase unha formación entre a comunidade universitaria baixo o título Claves para o vídeo divulgativo perfecto

O programa complétase cunha xornada sobre creatividade e innovación que se desenvolverá nun cafetería en Pontevedra e coa iniciativa Embaixadores da ciencia e do coñecemento.