Sun Microsystems merca MySQL

Los CEO de MySQL, Marten Mickos, y Sun, Jonathan Schwartz, celebran el acuerdo
photo_camera Los CEO de MySQL, Marten Mickos, y Sun, Jonathan Schwartz, celebran el acuerdo

Movemento sorpresa por parte dun dos xigantes informáticos. Sun Microsystems, creadora da linguaxe Java, creadora de OpenOffice, creadora do sistema operativo Solaris, e, dalgún xeito, a némese de Microsoft, anunciou a compra da empresa MySQL AB, creadora da base de datos do mesmo nome, por 675 millóns de euros.

Non é ningunha esaxeración asegurar que MySQL é un dos piares da internet. Esta base de datos é usada por máis da metade das páxinas dinámicas da rede, entre elas xigantes como Google, Yahoo, Amazon ou a Wikipedia. Nos últimos dez anos, este software descargouse máis de 100 millóns de veces, só na páxina oficial.

Unha base de datos gratuíta que pode tratar de tí a tí a xigantes da industria como Oracle foi unha bendición para os creadores web, e posibilitou o paso de webs estáticas a sitios dinámicos. Forma un cuarteto moi ben axeitado co sistema operativo Gnu/Linux, a linguaxe de programación PHP e o servidor web Apache, gañando boa fama entre os administradores web pola súa versatilidade e facilidade de uso.

Open Source + soporte

En Sun saben que as dúas compañías teñen moito que gañar con esta operación. Para eles supón reforzar a súa presenza no eido de internet e das redes de comunicacións, onde xa é un valor forte co seu Sistema Operativo Solaris, a linguaxe Java e o sistema de arquivos en rede NFS e os seus servidores, entre outros.

Explícao no seu blog o presidente da firma compradora, Jonathan Schwartz, que asegura que se teñen atopado con dous tipos de clientes. Uns son os novos emprendedores da web, que só confían en aplicacións de código aberto, pola súa flexibilidade e capacidade de adaptación. Sen embargo, os executivos de empresas máis asentadas séntense mellor se teñen un soporte técnico que lles cubra as costas.

A alianza entre MySQL, un dos grandes logros do Software Libre, e a solvencia do xigante Sun resolve os problemas destes dous tipos de cliente, e o resultado, di Schwartz, só pode traer ganancias para todos.

Na outra banda, o vicepresidente de MySQL AB, Kaj Arnö, tamén se mostra encantado de que os fagocitase un xigante como Sun. Por un lado, asegura, "non se esperan grandes cambios" na estructura interna do proxecto. Sun non substituirá ós seus xefes nin traballadores, e a comunidade poderá seguir colaborando como ata agora. Arnö só lle ve cousas positivas ó negocio. Baixo o paraugas de Sun, asegura, MySQL consegue de golpe oportunidades de negocio e recursos que lles tería levado anos lograr como empresa independiente.

Un vello coñecido do Software Libre

Dende MySQL tamén tranquilizan á comunidade. Din que non hai perigo de que Sun tente apropiarse do traballo licenciado baixo a GPL, nin traballar de costas ós desenvolvedores voluntarios.

Aseguran que o xigante californiano é unha das compañías que mellor emtende o Software Libre, e se Java, OpenOffice, NetBeans, OpenSolaris, GlashFish e moitos mais non bastan para confirmalo, lembran que nesta empresa traballan grandes defensores do código aberto como Ian Murdock (fundador de Debian) ou Josh Berkus (líder do proxecto PostgreSQL).

Comentarios