A loita contra as 'zonas de sombra'

Os incendios rexistrados a última semana volven pór sobre a mesa debates como a necesidade de buscar fórmulas para que os servizos de urxencia actúen no menor tempo posible
Efectivos trabajando en la extinción de un fuego declarado en Ponte Caldelas hace unos días. CEDIDA
photo_camera Efectivos traballando na extinción dun lume declarado en Ponte Caldelas hai uns días. CEDIDA

O PASADO MARTES ardeu un galpón cun depósito de 1000 litros de combustible en Forcarei pegado a unha zona de vivendas, ao que tiveron que asistir os bombeiros de Silleda e os servizos de Urxencias da Estrada, que chegaron pasada a media hora. Ao día seguinte, ardeu unha vivenda en Ponte Caldelas, onde se trasladaron os bombeiros do Morrazo, que tardaron 40 minutos en chegar. Para esa hora, o lume xa estaba extinto grazas á colaboración cidadá e as persoas que estaban no interior da vivenda xa estaban a salvo.

Estes sucesos non fan máis que avivar a polémica respecto dos tempos de reacción destes servizos. De feito, xa existe unha petición na plataforma Change.org, impulsada por Francisco Sieiro, esixindo que se cre un parque de bombeiros na zona, para poder así atender ás zonas de sombra do interior da provincia. Actualmente, a contorna de Cotobade, cóbrea o Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra, que ten a base en Ribadumia. Nun principio, fixeron un escrito a través do Valedor do Pobo para saber que medidas se poderían tomar para mellorar a cobertura ás 'zonas de sombra', pero o xerente do Consorcio afirmou que "todo estaba ben e que os tempos se cumprían", asegura Sieiro. Con todo, por mor dun incendio en Tenorio, desde a Deputación recoñeceron que si existían lugares aos que os servizos non son capaces de chegar coa rapidez necesaria.

Desde o Concello de Cerdedo-Cotobade tamén recoñecen que hai un problema con respecto á cobertura das urxencias, pero propoñen outro tipo de medidas, como comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra. "Fun un dos alcaldes que máis fincapé fixo en que se comarcalizara o parque de bombeiros de Pontevedra, que co financiamento da Deputación e da Xunta, podería estender o seu servizo aos sete ou oito concellos da zona", afirma Jorge Cubela. Con todo, os impulsores da petición na web non ven que isto poida mellorar nada, senón, máis ben, todo o contrario. "A dotación que ten Pontevedra non lle chega nin para cubrir dous incidentes á mesma hora na cidade, imaxina se teñen que ir ata Cotobade", advirte Sieiro.

Ademais, para reforzar os servizos na Lama, Campolameiro, Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Cubela pediu que se facilite un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que se encargaría de cubrir as zonas de sombra que quedarían sen a cobertura suficiente. Aínda que, en principio, esta puidese parecer unha opción factible, en vilas como Valga se produciron denuncias por incumprimento da xornada laboral, xa que os efectivos non son suficientes. "O GES está ben, pero non dá para cubrir correctamente. Ocúpanse de rozar ou das velutinas, polo que, se hai unha urxencia, non lles daría tempo a desprazarse. Os bombeiros, en cambio, esperan a que haxa unha chamada para actuar", di Sieiro.

Pola súa banda, en Ponte Caldelas, a raíz do incendio na vivenda da Roca, o PP tamén esixe a creación dun GES que actúe na contorna, ademais da comarcalización dos bombeiros de Pontevedra. En resumo, tras o episodio do mércores, súmanse ás reivindicacións de Jorge Cubela. "A cidadanía non entende como un municipio como Ponte Caldelas, limítrofe coa capital da provincia onde hai un parque de bombeiros perfectamente operativo, teña que agardar unha hora para recibir atención nunha incidencia desde O Morrazo", declara Antón Xil, portavoz do Partido Popular.

Por outra banda, ademais da demanda duns bombeiros para o Concello, a petición tamén esixe que se poña unha ambulancia medicalizada para para o Punto de Atención Continuada (PAC) de Cerdedo-Cotobade. Neste tema parecen estar de acordo ambas as partes. "Témola xa solicitada para mellorar os servizos de asistencia e demais. A Xunta está a se reformular a organización das ambulancias. Non é unha demanda que nos colla de sorpresa e incluso a defendemos e apoiamos", precisa Jorge Cubela.

Comentarios