Díaz: "A abstención prexudicounos. Moitos dixéronme: 'Pensei que xa non facía falta ir votar"

O alcalde electo de Ponte Caldelas non considera malos os resultados, a pesar de quedar a dous votos de gañar un edil. Cre que o seu electorado se confiou e que se empeza a notar o desgaste das siglas a nivel estatal
El alcalde electo de Ponte Caldelas. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde electo de Ponte Caldelas. GONZALO GARCÍA

Por dúas papeletas, o Concello de Ponte Caldelas repetirá exactamente a mesma distribución de concelleiros que nos últimos catro anos. Relatouno o propio alcalde, a cabeza de lista socialista, Andrés Díaz, ao termo da xornada electoral, e analízao tres xornadas despois, coa cabeza fría e unha visión máis global.

Saber o que pasou noutros municipios onde gobernaba o PSOE e ver o retroceso de apoios que devolveu a Deputación ao PP, fan que Díaz encaixe o desgusto con deportividade. "É un resultado que está ben nun contexto nacional no que, de súpeto, atopámonos con que influía o voto polas siglas e que tiñamos aí un desgaste oculto. Moita xente di que nestas eleccións vótase ao alcalde, á persoa. Pero non só iso. Estamos moi mediatizados, todo é global e o descontento que poden estar transmitindo os medios pode afectar incluso en como nos ven vos nosos conveciños".

Díaz sinala alcaldías "como a de Cuntis, a de Gondomar, a do Grove ou a de Vilagarcía, con compañeiros que fixeron un gran traballo e que, sen embargo, notaron este desgaste".

Non foi o caso da Alcaldía de Ponte Caldelas, porque, a pesar da situación de abstención, a lista socialista subiu preto dun 10% en representación. Pero o aguante das outras dúas listas e o sistema electoral propiciaron o resultado, que, nese sentido, é "algo enganoso". Díaz sinala que outro dos factores que puido pesar é o modelo de traballo electoral que realiza a súa formación, no que non teñen tanto peso os mitins e a campaña convencional fronte a outras cuestións como o calendario de lecer de maio, mes no que se celebra a Festa da Troita.

"A última hora si que atopamos a un PP que endurecía a súa campaña e que volvía a vellos costumes, pero bueno, son prácticas deles, nós non queremos saber nada diso nin de nada que non sexa votar libremente".

Díaz recoñece, iso si, que a parte do electorado produciulle certo efecto placebo estar ao lado dun Goberno local que se mostrou en boa forma. "De feito, houbo un 10% menos de participación, cousa que eu penso que nos afectou a nós. E estes días, moita xente nos dixo: eu non fun votar porque pensei que xa non facía falta".

Con todo, o PSOE de Ponte Caldelas dá por bos os resultados e disponse a iniciar un novo mandato no que o principal obxectivo é construír e pór en marcha o complexo termal. Pero, ¿ten as mesmas posibilidades de saír adiante este plan sen o apoio económico que pode provir da Deputación Provincial? Díaz cre que si. "Despois de todo, o que reclamaban os propios alcaldes do PP era que se ampliasen os fondos do Plan Concellos para os concellos pequenos. O repartio de fondos ten que ser coherente e respectuoso mande quen mande", insiste.

Valoración satisfactoria da oposición

En canto ao PP, valora o seu resultado como satisfactorio "aínda que non é o desexado". O candidato e portavoz, Antón Xil, insiste en que "ao mesmo tempo o PPdeG consolida ou seu grupo municipal mantendo a mesma representación que lle permite continuar co seu labor de oposición seria, construtiva e institucionalmente respectuosa presentando alternativas ao desgoberno municipal, baseado en ofrecer só festas e paparotas en lugar de resolver vos problemas que afectan á veciñanza como son a falta dunha política social que remate coa lista de espera do SAF, a atención aos nosos maiores e á mocidade, solucións aos problemas de abastecemento de auga non rural, os sumidoiros ou o modelo de vila".

O BNG tampouco se considera especialmente prexudicado polo saldo obtido, "tendo en conta que a candidata era menos coñecida", dado que Sol Seoane presentábase por primeira vez como cabeza de lista.