Achan a 16 persoas consumindo alcol diante dun bar de Combarro

A Policía Local de Poio tramitou 40 denuncias por incumprir as restricións anticovid a pasada semana, entre elas a de tres persoas que acudiron ata A Seca coa súa autocaravana dende Madrid e Ourense
Uno de los controles llevados a cabo en Poio. POLICÍA LOCAL
photo_camera Un dos controis levados a cabo en Poio. POLICÍA LOCAL

A Policía Local de Poio tramitou, a través dos diferentes controis efectuados ao longo da pasada semana, 40 denuncias por incumprimento das medidas restritivas decretadas pola Xunta de Galicia para tratar de frear a propagación do covid-19. Entre as infraccións detectadas están saltarse o peche perimetral, non respectar as distancias de seguridade ou a realización de xuntanzas na vía pública entre persoas non conviventes.

Unha delas tivo lugar o pasado venres, 20 de novembro, cando os axentes identificaron a un total de 16 persoas non conviventes por atoparse consumindo bebidas na entrada dun establecemento de hostalería de Combarro. A Policía Local informou, a través de un comunicado, que "a responsable deste local estaba a vender estes produtos e permitía o seu consumo no exterior, cando as restricións só permiten a venda de produtos para levar". Así o especificaron nun comunicado remitido aos medios. 

"A inspección realizada pola policía serviu para confirmar que, se ben o negocio permanecía pechado, contaba cunha barra exterior improvisada, a través da cal se servían as bebidas que eran consumidas no acto polos alí presentes", continúa o comunicado. No entanto, a propietaria do local, tras poñerse en contacto con este diario, negou a versión policial, asegurando que non había "ningunha barra exterior" e que os clientes estaban na rúa preto do bar, pero fóra da súa propiedade.

O corpo municipal detectou oito incumprimentos do peche perimetral, en entre os que destacan tres veciños que se desprazaron ata Sanxenxo para acudir a un funeral

Ademais da identificación destes individuos, entre os cales figuraban persoas que tamén se saltaron o peche perimetral, abriuse o pertinente expediente sancionador para a responsable do establecemento, que se enfronta a unha sanción económica que pode ir desde os 601 ata os 30.000 euros.

A Policía Local tamén identificou a outras catro persoas non conviventes consumindo alcol na vía pública en Campelo. Ademais, constatáronse oito incumprimentos do peche perimetral, entre os que destacan tres veciños que se desprazaron ata Sanxenxo para acudir a un funeral e unha persoa con domicilio no Grove que se atopaba en Raxó sen causa xustificada.

Os controis non se limitaron exclusivamente ás estradas, senón que tamén se pasou revista ás autocaravanas situadas na área habilitada na Seca. Alí, os axentes identificaron a tres persoas, en dous vehículos diferentes, que proviñan de Madrid e de Ourense, respectivamente.

Un agente revisa una autocaravana. POLICÍA LOCAL DE POIO

Por último, tamén foron identificadas oito persoas que se desprazaban en distintos turismos, acompañadas por non conviventes e sen a utilización da máscara obrigatoria, e unha persoa que non respectou a distancia mentres fumaba.

INCIDENCIA DO COVID EN POIO. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, entende que, á marxe destes casos concretos, o comportamento en xeral da cidadanía segue a ser o correcto. Sen embargo, insistiu, unha vez máis, en que "agora mesmo a nosa maior protección é a responsabilidade individual e o mantemento de distancias", polo que recalcou a necesidade de evitar que se produzan xuntanzas privadas entre familiares e persoas non conviventes, tanto en espazos pechados como nos públicos sen manter o distanciamento que marcan as autoridades sanitarias.

A edil do Goberno local amosa a súa preocupación, asemade, polo feito de que a situación no que á incidencia do covid-19 no municipio non remita. Según os datos deste luns, son 61 os casos activos en Poio, apenas dous menos con respecto á xornada do domingo. "Levamos xa máis de dúas semanas coas restricións e o contexto non mellora. Imos estar moi pendentes da próxima reunión do comité clínico da Xunta para ver se tomamos novas medidas", informou.

Ademais, o Concello tamén salienta o seu compromiso de continuar traballando para reverter, dentro das súas posibilidades, o impacto social e económico dunha situación que "tiña que terse previsto moito antes por parte da Administración autonómica, a través de aplicación de medidas no seu momento e non chegados xa a esta situación", finalizou Caldas.

Comentarios