La Pegatina e Amparanoia únense ao cartel do Armadiña Rock

A cantautora galega Ses e o grupo de garage punk Terbutalina tamén acudirán

La Pegatina. EP
photo_camera La Pegatina. EP

O Armadiña Rock Estrella Galicia, que celebrará a súa décima edición durante os próximos 24, 25 e 26 de agosto en Combarro, fixo público este mércores o cartel definitivo do festival, no que destacan as bandas españolas La Pegatina e Amparanoia, así como o grupo de garage punk galego Terbutalina, e Ses.

O Armadiña Rock é un evento de referencia no ámbito musical galego e no panorama dos festivais da provincia. Entre os obxectivos desta iniciativa, que naceu coa intención de apoiar ao equipo de fútbol local, destácase a difusión e introdución dos mozos á música e lingua galega, así como a interconexión de diferentes xeracións a través dos grupos que pon ritmo a cada edición. Outra pretensión dos organizadores é que Combarro se recoñeza e estableza como un referente cultural á vez que turístico.

ACTUACIÓNS. Os concertos que se celebrarán na décima edición do festival de Combarro estarán protagonizados por bandas nacionais e galegas como La Pegatina, Amparanoia, Ses, Terbutalina, Banda Xangai, Zënzar, Sonoro Maxín, The Lákazans, Skándalo GZ, A Banda da Loba, Noite Datada, Dudecan e Voodoo. Algunhas interveñen por primeira vez na historia do festival e outras bandas repiten a experiencia, como é o caso de Terbutalina, The Lákazans, Ses ou Noite Datada, entre outros.

Na programación tamén se ofrecerán actividades de ámbito familiar, por exemplo un concerto de punk infantil, espectáculos circenses e teatrais para todos os públicos, pasarrúas a cargo do grupo de músicos Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise Orchestra e a Batucada Os Queimatasas de Poio. Tamén haberá un espazo dedicado á presentación de todo tipo de proxectos musicais, sociais e culturais. Así como unha tenda na que os asistentes poderán conseguir camisetas e outros obxectos do festival, que estará aberta do 22 ao 26 de agosto.

Ademais, e como xa é tradición no festival Armadiña Rock, haberá unha zona para poder acampar de forma totalmente gratuíta e estará situado na Reiboa, xunto ás inmediacións do núcleo do festival.

O evento, cuxa entrada é gratis para todos os asistentes, está organizado pola ACDeM Armadiña e conta co apoio doutras entidades como Estrella Galicia, o Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e unha ampla lista de colaboracións a título persoal e privado.

Comentarios