Adrián Ligero: "Aquel día desde a ponte non se vía a proa e estaba a catro metros"

Mar indica que se iniciou a sinalización de bateas co proxecto de Muros pero descarta crear máis perigo ao "iluminar en exceso as rías"
JAVI IMPORTANTE. Foto de Adrián Ligero, uno de los supervivientes del naufragio del Nuevo Marcos, acompañado de su madre. Quedamos en el muelle de Campelo, donde pusieron el año pasado un monumento en memoria de los marineros fallecidos en el accidente.
photo_camera O sobrevivente do accidente dos Novo Marcos, Adrián Ligero, en Campelo, coa Illa de Tambo ao fondo. J.CERVERA-MERCADILLO

"Poida que a Comisión de Investigación teña razón e que co balizamento dos polígonos de bateas non tivésemos o accidente, pero eu reitero que aquel día as condicións eran moi malas: desde a ponte non se vía a proa e non estaba nin a catro metros". Son palabras de Adrián Ligero, un dos dous sobreviventes dos Nuevo Marcos, quen esta semana coñeceu pola prensa os detalles do informe publicado pola Comisión Permanente de Accidentes e Incidentes Marítimos en relación ao sinistro que padeceu en abril de 2017 no que perderon a vida o seu pai, Jesús Ligero, vicepatrón da embarcación; o patrón, Francisco Castiñeiras, e o mariñeiro Florentino Carballa.

O mozo sinalou este xoves que é remiso a facer declaracións sobre a parte xudicial do accidente, pendente aínda de resolución. "é unha cuestión moi complicada e non quero entrar aí, por moitos motivos: todos os implicados somos mariñeiros e seguimos en mar, véndonos día se e día tamén e é unha cuestión moi delicada".

Á marxe das súas opinións sobre o proceso xudicial e o desenlace do mesmo, o mariñeiro si aceptou valorar as dúas cuestións principais recolle o documento de Fomento: a necesidade de balizas nas cabeceiras dos polígonos bateeiros e as dúbidas sobre o proceso de toma de decisións da tripulación que levou ao afundimento do barco.

Adrián Ligero insiste en que "as bateas son un obstáculo, pero non o único cando estás a faenar co cerco ou a ardora, por exemplo. Ti vas co barco buscando os bancos de peixes e non sabes onde poden estar. ás veces hai que achegarse moito, sexan rocas, sexan bateas e iso é algo que ten que saber o mariñeiro", aclarou, engadindo que "non fomos os primeiros, nin seremos os últimos" aos que lles sorprendeu un accidente marítimo deste tipo.

Todo sucedeu moi rápido, e hai que ter en conta a escuridade  e o golpe, que puido haberlles deixado en shock"

No que non coincide o mariñeiro é na valoración que fai o CIAIM sobre a toma de decisións que se adoptaron tras o choque e que foron encamiñadas a levar o barco ao porto de Combarro e non a salvagardar a seguridade da tripulación. Ligero, sen entrar na valoración das manobras adoptadas recorda que "todo sucedeu moi rápido, en milésimas de segundo e hai que ter en conta a escuridade que non permitía ver a proa, o golpe, que puido deixar en shock ao meu pai e ao patrón, que estaban na ponte, como queda en shock calquera accidentado de coche. Nesas circunstancias, ir cara ao porto tampouco era unha decisión estraña senón perfectamente normal", reivindica.

Adrián Ligero segue traballando no "mar de momento" e mantívose en activo a pesar da traumática situación vivida no sinistro marítimo, o 26 de abril de 2017. O mozo salvou a vida agarrándose a unha batea, na que esperou a que chegasen os medios de rescate, alertados polo seu compañeiro, Carlos Carballa, que nadou ata a costa, durante máis dunha hora. Ligero e Carballa perderon ambos aos seus pais neste sinistro, no que tamén faleceu o armador e patrón, Francisco Castiñeira.

"ARBORIÑOS DE NADAL". Tamén se pronunciou sobre as indicacións do CIAIM para sinalizar os polígonos de bateas a conselleira de Mar, Rosa Quitana, quen sinalou que a Xunta ten "en marcha xa desde hai moito tempo" un proxecto para tratar de mellorar a sinalización das bateas nas rías galegas, pero advirte de que é un asunto "complicado".

"Non podemos facer arboriños de Nadal nas rías porque dificultan a navegación", indicou Quintana, que recordou que "a Xunta púxose as pilas desde o minuto un", pero "é un tema que ten que ter o visto e prace de Portos do Estado e toda a comisión de faros e sinais marítimos".

"Nesa liña estamos. Témolo orzado desde o ano pasado. Déronnos agora o visto e prace para o plan da ría de Muros-Noia e seguiremos avanzando tamén coa ría de Pontevedra", engadiu, explicando que "a máis complicada é a ría de Arousa". "Simplemente pido que alguén se poida imaxinar o que son máis de 2.000 bateas todas iluminadas nos catro vértices de cada polígono; pode dificultar moitísimo a navegación", insistiu.

Comentarios