Alama.com, a primeira web municipal en contar cun portal inmobiliario

O Concello lamés inclúe casas en venda no seu sitio web para loitar contra o despoboamento
Zona rural. DP
photo_camera Rural da Lama. DAVID FREIRE

Un portal inmobiliario e unha lista de empresas e comercios locais. Son as dúas novidades que o Concello da Lama incluíu na súa páxina web, un formato recentemente renovado con fondos da Liña 1 do Plan Concellos da Deputación, que, ademais de facer máis operativa e funcional a web corporativa tradicional, vai un paso máis aló ao incluír un portal inmobiliario dentro do dominio oficial do concello.

Trátase dun espazo ao que se accede a través do link A Lama, un lugar para vivir e a pesar de que a páxina está recentemente saída do forno xa hai dous casaróns de pedra á venda na mesma: unha en Fentosa, Seixido, e outra nas Chozas.

O plan do Concello é que este espazo sexa unha ferramenta comercial que deixa en mans dos veciños o acceder como ofertantes a un mercado, o das vivendas no rural, que está a tomar auxe con motivo da pandemia. é algo que xa comprobaron no Concello ao constatar como moitos veciños optaron por pasar o confinamento nas súas segundas residencias ou incluso por volver da emigración. Sendo A Lama un dos concellos do interior da provincia con maior taxa de envellecemento e de casas abandonadas, a idea e o momento pareceron propicios para incluír esta medida. Os interesados en vender só teñen que encher un formulario para completar a oferta e os compradores, sen intermediarios, contan coas fichas de cada casa no espazo municipal. O tenente de alcalde, David Carreira, presentou a páxina, da que destacou a intención de poder ir máis aló do formato de portelo electrónico para ser unha dinamizadora do comercio local. Con respecto á idea de que a web municipal.

"Queremos que aquelas persoas que teñan propiedades sen usar as poidan por á venda e favorecer un mercado de vivendas", afirma Carreira, que incide en que esta era unha das medidas propostas no programa do PP para loitar contra o despoboamento.

Carreira explicou igualmente o valor da fiestra á que se accede clicando en A Lama, preto de ti, toda unha lista de empresas locais e servizos dos que se ofrece desde a xeolocalización ata o WhatsApp ou as mellores vías para realizar pedidos. De momento, hai doce firmas pero se pretende que todo produto ou servizo con selo lamés estea na web. "Ás veces buscamos fóra o que descoñecemos que temos ao noso carón", indica Carreira, que anima a todos os empresarios e emprendedores locais a unirse á web.

Comentarios