O alcalde de Poio, Luciano Sobral, participou este xoves nunha videoconferencia organizada polo Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, Arxentina. Este encontro virtual, realizado para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, escritor ourensán ao que se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas, resultou moi especial, ao contar tamén coa participación do fillo adoptivo de Poio Adolfo Pérez Esquivel, gañador do Premio Nobel da paz no ano 1980 e creador da escultura existente no Parque da Memoria.
O rexedor compartiu as súas experiencias cun nutrido grupo de alumnos e alumnas do centro educativo arxentino. O alcalde Sobral estivo acompañado polo director de cine Xan Leira, autor de obras como o documental sobre Manuel Arís, o veciño de Lourido (Poio) considerado o gran inventor do cinema da emigración. O líder do Goberno municipal agradeceu a oportunidade concedida polos responsables do Santiago Apóstol á hora de participar nesta cita, que foi retransmitida en directo por YouTube.
Ademais, Luciano Sobral tamén amosou a súa satisfacción polo reencontro con Adolfo Pérez Esquivel, “quen para nós é un veciño máis e forma parte da nosa comunidade. Adolfo deixounos a súa pegada imborrable no Parque da Memoria, algo polo que lle estamos eternamente agradecidos”, sinalou. Os e as estudantes que participaron no acto tiveron a oportunidade de ver un vídeo proxectado sobre este emblemático enclave da parroquia de San Xoán, un dos puntos de encontro de referencia do municipio poiense.
O alcalde Sobral destacou, asemade, a importancia de “fomentar este tipo de intercambios con Arxentina, un lugar co que temos un nexo de conexión especial, xa que é un país que no seu día acolleu a un gran número de galegos e galegas que se viron na obriga de deixar as súas orixes”. Precisamente, tal e como lembrou o rexedor, así sucedeu co pai de Pérez Esquivel, un pescador natural de Combarro que emigrou a Bos Aires. Así o recordou tamén o propio fillo adoptivo de Poio, título que lle foi outorgado hai máis de dúas décadas.
“Poder coñecer Poio foi para min un descubrimento moi importante, porque me axudou a descubrir a miña identidade. É moi importante que coñezamos as nosas raíces e lles deamos o valor que merecen”, subliñou o artista arxentino, de quen Xan Leira destacou “o seu compromiso emocional e a súa sensibilidade, que puxo ao servizo da veciñanza de Poio á hora de dar vida ao monumento do Parque da Memoria”.
Antes de pechar o acto, Luciano Sobral animou aos e ás estudantes que participaron na videoconferencia a visitar Poio. “Recibiremos a todos e a todas cos brazos abertos para que coñezan a nosa terra”, concluíu.