De aldea pantasma a ecogranxa

A familia Esperón Tajes está a transformar o lugar poiense de Riomouro Pequeno nunha aldea rural cunha granxa escola que abrirá as portas a finais de ano, dirixida aos grupos escolares, familias e visitantes que busquen tranquilidade e natureza
2020091813584598173
photo_camera A nova granxa escola sitúase no lugar de Riomouro Pequeno, a poucos metros da estrada da Escusa. RAFA FARIÑA

Jose Esperón, Rocío Tajes e o seu fillo, Jacobo Esperón, son os responsables de devolverlle a vida ao lugar de Riomouro Pequeno, en Poio, un deses puntos da xeografía galega tan fermosos como esquecidos, no que, actualmente, só residen dúas persoas, e que agarda transformarse pronto nun epicentro do turismo sostible e ecolóxico.

A idea de crear un enclave turístico, que achegue modernidade pero que conserve a tradición, leva roldando a cabeza do principal impulsor do proxecto, Jose Esperón, á beira de 10 anos. "Riomouro sempre foi un lugar ao que me gustaba ir. Meu pai tiña algunha finca por aquí e, dende que comezamos a pensar en facer este proxecto, pouco a pouco fomos mercando casas e terreos para facer isto", explica. Así, a familia Esperón Tajes fíxose con arredor de 20.000 metros cadrados de superficie, segundo explica Jacobo. "Cada pequeña parcela tenía a su propietario, poco a poco fuimos contactando con ellos", engade.

Na actualidade, dentro deses metros cadrados de terreo, a familia dispón de sete casas que pensa converter nun enclave do turismo rural en Poio, a poucos metros da estrada que vai cara a Escusa. "Aquí hai auga e tranquilidade, nada máis", afirma Jose, que planea atraer a colexios e familias ao lugar, para que "visiten todo o que teñen cerca de aquí, como Riomouro Grande, que é o pobo que hai en fronte, o campo de golf... isto está cerca de moitas cousas", explica, orgulloso dun proxecto que, cada vez, vólvese máis realidade.

A granxa recibirá os animais a vindeira semana, dende vacas galegas a ata cabalos, pasando por galiñas, cabras e un burro

GRANXA. Pero a burocracia paralizou o proxecto da remodelación das casas, das que só tres están avanzadas. Foi entón cando a familia se fixou nunha granxa apartada do núcleo, que tamén adquiriron, co obxectivo de transformala en granxa escola. "Iso foi idea da muller", recoñece Jose.

Nestes momentos, o proxecto da granxa, entregado polo arquitecto hai mes e medio, concentra todos os esforzos da familia, que este xoves ultimaba os detalles, co acondicionamento do xardín, "e algunha pequena cousa máis". A vindeira semana, a nova granxa escola poiense recibirá aos seus novos inquilinos: unha vaca galega, unha tenreira, un par de cabalos, galiñas, cabras, ovellas e un burro. "Son os animais típicos que había antes nas casas particulares", sinala Jose.

A apertura da granxa escola, estiman, terá lugar a finais de ano, "seguramente entre finais de novembro ou en decembro", e contará con todas as medidas anticovid necesarias se a situación sanitaria do momento da apertura así o require. "Estaremos preparados e co protocolo que sexa necesario", afirma Jose.

imgData

A familia, veciña do Sartal e "de campo de toda la vida", planea ofrecer no entorno da granxa escola diferentes actividades que pasan por xornadas infantís na compañía dos animais, obradoiros de comida, plantacións no invernadoiro que habilitarán diante da granxa, ou obradoiros de elaboración de pan. "Todavía lo estamos perfilando", asegura Jacobo.

A obra da granxa, que comezou hai pouco máis de dous anos, deuse a coñecer entón, cando o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) publicou a solicitude realizada polo promotor. Ao carecer de licenzas nese momento, o proxecto aínda non tiña data de remate. A crise económica xa paralizara, dez anos antes, a realización do proxecto, que xa entón aspiraba a converterse nunha gran referencia a nivel turístico e hosteleiro. Agora, dividido en fases, irá vendo a luz aos poucos. O máis cedo, a granxa escola, a finais de ano, que os propietarios queren "poñer a producir xa". Despois, virán as casas rurais, e a actividade volverá a Riomouro Pequeno.

Comentarios