Alertan en Soutomaior dun intento de estafa en nome do Concello

Chama a fixos e informan a quen responde de que foi premiado nun sorteo e recibirá unhas mantas, previo pago de 20 euros pola xestión
Un teléfono móvil. ARCHIVO
photo_camera Un teléfono móvil. ARCHIVO

O Goberno local de Soutomaior alertou este martes a través das redes sociais dun intento de estafa á poboación en nome do Concello. Trátase, segundo indican no perfil Seguridade Soutomaior, unha das contas oficiais do Concello, da típica maña telefónica: chaman a todos os números fixos e informan a quen responde de que foron premiados nun sorteo e recibirán unhas mantas, previo pago de 20 euros pola xestión. O Concello sinala que non realizou ningún sorteo nin está vinculado coa iniciativa.

"Faise saber aos veciños que o Concello non realizou ningún sorteo, e que, en caso de realizarse, non cobraría xamais ningún gasto de xestión. Nalgúns casos quedaron para realizar a entrega mañá. Por favor avisen ás persoas susceptibles de ser enganadas con este modus operandi, especialmente persoas maiores", indica o comunicado do Concello.

"Soubemos de varios casos nesta zona e creeemos que tamén poden actuar nos concellos veciños, como Vilaboa, por iso preferimos avisar. é un procedemento típico, en elq ue ofrecen o caramelo e despois acaban cobrando o que valeu o obxecto que sortean ou o dobre, sen que a persoa realmente quixese comprar ou recibir nada inicialmenten·", indica o concelleiro de Seguridade, Fernando Crespo.

O Goberno local pide precaución ante este tipo de chamadas, tan frecuentes en datas próximas a Nadal.

Comentarios