Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas: "Empréganse fondos de xeito partidista"

O alcalde de Ponte Caldelas lamentou as declaracións de Cubela tras o informe do IET sobre os Baños de San Xusto e apelou á "colaboración entre concellos irmáns"
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas. DP
photo_camera Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas. DP

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lamentou este domingo "as desafortunadas declaracións" do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tras coñecerse a negativa do Instituto de Estudos do Territorio (IET) a revisar de oficio o convenio asinado entre o IET, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Concello de Cerdedo-Cotobade, ao abeiro do Pacto pola Paisaxe para a recuperación dos Baños do San Xusto. "Un alcalde non debería criticar a outro alcalde", valorou Díaz.

O alcalde de Ponte Caldelas asegurou que entende "perfectamente que Cubela defenda os intereses do seu municipio como estime oportuno", cuestión que dixo respetar. "Agora ben, outra cuestión diferente son as actuacións que leva cabo a Xunta de Galicia que, como sucede no caso dos Baños de San Xusto, emprega os fondos autonómicos destinados á colaboración con concellos dun xeito partidista", asegurou Díaz.

Segundo o alcalde de Ponte Caldelas, "existen numerosos exemplos, e o máis preocupante é a sinatura sistemática de convenios directos, sen concurrencia competitiva" tal e como, segundo el, aconteceu co proxecto mencionado. Díaz afirmou que "non se atacou en ningún momento ao Concello de Cerdedo-Cotobade nin ao seu alcalde, Jorge Cubela", pois "o que se cuestionaba era a actuación da Xunta de Galicia". O alcalde de Ponte Caldelas dixo entender que a discusión en "clave partidista que está a aplicar Cubela é irrelevante neste asunto", posto que a cuestión xa foi dilucidada polo ditame do Defensor do Pobo. Tamén recalcou que non entra en "ningunha polémica" con Cubela, a quen "respeta institucionalmente e persoalmente", pois "a quen lle correponde debatir estas cuestións é ao presidente da Xunta de Galicia". 

Díaz sinalou que, tanto el coma o Concello de Ponte Caldelas, están dispostos a colaborar para "o beneficio da comarca", e puxo de exemplo a reivindicación da execución integral da PO-234, "e non só parcial en función das lindes municipiais", ou máis recentemente a loita contra a Mina Alberta, que afecta a terreos de varios municipios, entre eles Cerdedo-Cotobade. Díaz apelou á "cooperación e colaboración" cun "concello irmán co que nos une unha excelente relación". 

Comentarios