Os auditorios da comarca énchense de actos polo Día das Letras Galegas

Poio celebra no Xaime Illa o acto principal da programación e Barro ofrece un concerto na Nave da Música. Soutomaior aprazou por mor das previsións de chuvia os actos previstos para este 17 de maio

Presentación dos actos das Letras en Poio. DP
photo_camera Presentación dos actos das Letras en Poio. DP

Os concellos da comarca están preparados para a celebración do Día das Letras Galegas. Música, teatro, exposicións e distintos eventos encherán o día nos distintos puntos arredor da capital.

Así, no Concello de Poio, o Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, acollerá o acto principal da programación coa que a Concellería de Cultura celebra o día, adicado este ano ao poeta de Valdeorras Florencio Delgado Gurriarán.

A partires das 17.30 horas iniciarase un evento presentado pola actriz e narradora Bea Campos. O acto tamén servirá para facer entrega dos premios ás persoas gañadoras nas diferentes categorías do Certame Literario Xaime Illa Couto. Está prevista a participación da Escola de Música Tradicional de Poio. Por outra banda, a conferencia coa periodista Sara Vila Alonso queda aprazada.

Asemade, seguirá aberta no propio centro cultural ata o mércores a mostra Cantámola en galego! A canción en galego no século XXI.

Ademais, o xoves 19 de maio Miguel A. Seixas, da Fundación Castelao, impartirá a conferencia Castelao, o Plan S e as carquexas amarelas, desde as 19.00 horas.

Por último, o venres 20 a compañía teatral Avelaíña ofrecerá, ás 21.00 horas, a representación da obra A liorta. Esta iniciativa está organizada pola SCD Raxó.

O Concello de Poio tamén colabora na organización de actividades impulsadas polo Ateneo Corredoira, en Combarro. Ás 13.00 horas terá lugar o espectáculo Máis Cantos, a cargo de Nelson Quinteiro. O colectivo local tamén habilita unha exposición na fachada do Ateneo, na que son protagonistas todos e todas as autoras homenaxeadas cada 17 de maio. A maiores, edítase, en formato dixital e en papel, a revista literaria O Baralle.

OUTROS MUNICIPIOS. No Concello de Barro, pola súa banda, a música será a protagonista da xornada, grazas ao concerto que ofrecerá a Banda de Música Xuvenil de Barro. Será ás 12.00 horas na Nave da Música e terá como protagonista o Día das Letras. A entrada é libre e gratuíta.

En canto a Cerdedo-Cotobade, os actos conmemorativos repartiranse en varias xornadas. Así, hoxe no Centro Cultural de Cerdedo ás 19.00 horas porase en escea a obra O Ladrón de Paraugas, de Xosé Luís Lueiro.

O 26 de maio, no Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas, de Carballedo, terá lugar un espectáculo de música sobre Florencio Delgado Gurriarán.

En Soutomaior queda aprazado ata o domingo 22 ás 17.00 o obradoiro ‘Verbas na rúa’ e ata o mesmo día ás 18.00 horas a actuación de Os Coribantes

O 29 de maio no Centro Sociocultural de Tenorio terá lugar a representación da obra de teatro musical Mitos e Lendas a cargo da Banda Unión Musical de Tenorio e o Grupo Migallas.

No Concello de Soutomaior os actos ían celebrarse ao aire libre, polo que, ante a previsión de chuvia foron adiados ata o vindeiro domingo. Así, queda aprazado aota o domingo 22 ás 17.00 o obradoiro Verbas na rúa e ata o mesmo día ás 18.00 horas a actuación de Os Coribantes, formación tradicional de Ponte Caldelas. Son citas gratuítas que se desenvolverán en Talo Río.

Para o día 20 mantense o espectáculo dirixido ao público infantil Brinca Vai, que terá lugar o día 20 ás 18.30 horas na Biblioteca.

En Vilaboa este martes ás 12.00 horas en Riomaior recibe á contacontos Olga Abad, nunha sesión gratuíta para menores de catro anos. Os actos seguirán con Migallas Teatro o venres, que desde as 19.30 presentará Brincadeiras da lingua e o sábado, con Caxoto, a trastenda da língua, desde as 12.00 horas, todos na Casa da Cultura de Riomaior.

Comentarios