Barro contará cunha dedicación, para Abraldes, que manterá o seu soldo de 2015

O alcalde cobrará 31.139 euros brutos repartidos en 14 pagas ►Silva, Martínez e Bello estréanse con tres áreas diferentes cada un

Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro. ADP
photo_camera Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro. ADP

O grupo municipal do BNG de Barro definiu o mércores cal será a estrutura do Goberno local e as áreas que asumirán cada un dos concelleiros no mandato que se inicia este mes. O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, adiantou que manterá a única dedicación exclusiva que se aprobou neste concello xa no anterior mandato e aclarou que seguirá co mesmo soldo que tivo este período: 31.139,50 euros brutos repartidos en 14 pagas e en consonancia cos seus emolumentos no sector privado antes de dedicarse á Alcaldía.

Do mesmo xeito que ata o momento, Abraldes levará o peso do Goberno, pero a lista de cooperadores deixa de estar integrada por responsables do PSdeG (cos que formaron un bipartito ata hai apenas unhas semanas) e contará con seis edís nacionalistas.

Reparto do goberno de Barro. ADP

Para lograr maior operatividade, o equipo do BNG optou por partir da estrutura xa existente, deixando aos concelleiros que repiten mandato as áreas que xa levaban. Así Roberto Rivas Reboredo seguirá xestionando o departamento de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, mentres que Amelia Cancela Cancela queda con Benestar Social, Educación e Sanidade. A concelleira Rocío Martínez Sartal, estará á fronte de Medio Ambiente, Festas e Participación cidadá, mentres que Iván Bello Ferreiro asumirá Obras e Servizos, Medio Rural e Deporte. Pola súa banda, Adrián Silva Magdalena será o responsable de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Xuventude. Están por definir as retribucións por asistencia a pleno e aos órganos colexiados. A constitución do Goberno levará a Pleno a semana próxima.

Comentarios