Barro desenvolve un proxecto para a integración urbana da contorna do Pazo da Crega

O Concello márcase como obxectivo a posta en valor do espazo mediante a adecuación dos elementos, para o que xa conta coa autorización de Patrimonio
Vista do espazo que será obxecto da actuación.CEDIDA
photo_camera Vista do espazo que será obxecto da actuación.CEDIDA

O Concello de Barro anunciou este xoves o desenvolvemento dun proxecto que persegue a posta en valor e integración no entorno urbano da zona do Pazo da Crega. Neste sentido e, para "revalorizar tanto o pazo coma a contorna", o proxecto pasa pola recuperación de elementos esenciais do conxunto arquitectónico e patrimonial, a eliminación dos elementos que o desvirtúan, e a reordenación da masa vexetal que o arrodea, co obxectivo de "clarificar os espazos e usos e ter como resultado a integración do espazo no núcleo" para convertelo "nun eixo de centralidade social e cultural".

A actuación contempla traballos de xardinería, melloras na accesibilidade, a eliminación de construcións auxiliares alleas ao contorno, a apertura do espazo exterior axardinado, a reconstrución do seu hórreo orixinal e a restauración e reconstrución do lagar, que pasará a ubicarse no seu lugar orixinal e con todas as súas pezas.

Tras o anuncio da actuación, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, valorou o proxecto como "unha intervención fundamental para poñer en valor o Pazo da Crega e integrar este espazo exterior axardinado na trama urbana, así como para crear un núcleo de centralidade que toda a veciñanza poida gozar". Neste sentido, o alcalde reiterou o obxectivo do Goberno local "mellorar os espazos públicos, para que a veciñanza poida gozar deles con toda comodidade".

O proxecto de recuperación do pazo conta cun orzamento de 56.000 euros e foi redactado baixo a supervisión e seguindo as indicacións técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, tal e como informaron dende o Goberno local, polo que o Concello de Barro xa conta conta con este permiso, e comezará o proceso de licitación nas vindeiras semanas.

Comentarios