OS e as nenas que acuden ao Colexio Plurilingüe Rural Agrupado de Vilaboa comezaron recentemente a gozar dos privilexios de ter unha biblioteca totalmente renovada.
O centro Consuelo González Martínez vén de completar un proceso de mellora das instalacións destinadas á lectura, que se ubican la unidade rural de Barciela, onde o Concello e a Xunta cooperaron en traballos que permitiron que o centro conte cun espazo moderno no que o alumnado poderá participar en actividades, desenvolver as súas habilidades creativas e coller gusto pola lectura.
Para estrear como se merece as instalacións, o equipo docente organizou unha Semana do Libro moi especial na que houbo contacontos a cargo das familias, visitas dos alumnos e alumnas acompañados de seus pais e irmáns e disintos encontros nos que se exploraron as novas instalacións.
O novo espazo lector estreouse con contos dos pais e nais
Máis aló da desaparición de tabiques e da renovación de materiais, a nova "Bibliocra" conta con moitas novidades como o espazo maker con robots e pezas de construción de Lego; un espazo adicado á música que deixou abraiados a moitos e moitas alumnas, e un recuncho preparado para a calma. Por suposto, no lugar non faltarán os xogos e a oferta literaria e de información que é necesaria tamén para os proxectos e traballos escolares.
Ademais do gusto de saberse destinatarios dun centro pensado con todo mimo para eles, os alumnos e alumnas puideron gozar do privilexio de contar cos mellores contacontos: nais e pais de todas as familias que estes días, en xornada de tarde, desenvolveron pequenas representacións para a comunidade escolar.
O primeiro día a asistencia foi tímida, de oito alumnos. O segundo acudiron dez, o terceiro 18 e en todos se palpou tamén o interese de irmáns e familiares por coñecer esta dotación.
Pero non todo son relatos, aventuras e sesións musicais. Para poder contar con este espazo tamén houbo que botar man dos números, pero iso xa foi cousa dos maiores. Deste xeito, o Concello investiu 10.000 euros nas obras de remodelación da planta alta da unidade escolar. O centro, é dicir, Educación, achegou 9.500 euros do Plambe. De feito, do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares saíron 6.000 euros e outros 3.500 do Plan LIA de mellora das instalacións bibliotecarias dos centros galegos.