O BNG aposta por Ernesto Filgueira para recuperar Cerdedo-Cotobade

O carismático líder veciñal é presidente da Asociación de O Agro e da Comunidade de Montes de Viascón, onde reside, e segue liderando o Casino Mercantil de Pontevedra

Ernesto Filgueira, no centro, co lema do BNG 'Queremos máis'. C. FERNÁNDEZ
photo_camera Ernesto Filgueira, no centro, co lema do BNG 'Queremos máis'. C. FERNÁNDEZ

Ernesto Filgueira, o carismático líder veciñal, será o candidato do BNG á Alcaldía de Cerdedo-Cotobade. O anuncio oficial realizouse onte na sede provincial da formación e baixo a atenta mirada do responsable comarcal, Demetrio Gómez.

Filgueira non é un descoñecido para ninguén, nin en Cerdedo-Cotobade, nin en Pontevedra. Na capital acaba de pechar a emblemática tenda de seus pais La Casa de los Paraguas, despois de xestionala persoalmente durante máis de 30 anos. Na cidade, impulsou a Área comercial Zona Monumental, organismo do que foi presidente, e tamén participou activamente en Aempe e no Casino Mercantil, entidade que aínda preside na actualidade.

Pero a pesar desta actividade dinamizadora na Boa Vila, Filgueira residiu nos últimos 30 anos en Viascón, parroquia de onde procede súa nai e onde se instalou unha vez casado. Neste recanto de Cotobade é onde se implicou coa participación a través da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños O Agro. Ambas seguen baixo a súa presidencia. No último ano, Filgueira foi especialmente visible no movemento veciñal de Viascón a raíz do proxecto do Ministerio de Fomento para crear un carril de servizo na N-541 ao seu paso pola parroquia. O líder veciñal vén de encabezar as protestas ante as administracións para tratar de que este proxecto non saia adiante.

Filgueira aceptou encabezar a candidatura do BNG, segundo confesou, hai uns días. Aínda non ten lista formal, pero adianta que "os traballos están en marcha" e destaca que é tempo de «reunirnos con todos os colectivos para coñecer as súas inquietudes e demandas» de cara a preparar o programa dos vindeiros comicios.

O candidato compareceu sentado posto que un desafortunado accidente, hai uns meses, lle provocou a rotura dunha perna. O proceso de recuperación, aínda que avanza ben, oblígao a estar sentado moito tempo e non lle permite conducir. "A única condición que puxen para ser candidato é que toda esta xente me axude coas cuestións de mobilidade", confesou na comparecencia de onte, sinalando aos seus compañeiros, o excandidato e responsable local Anxo Santomé, así como Delmiro Durán, Alberto Nogueira e Iria Riveiro.

Metas. Aínda que Filgueira anunciou que quere oír ao resto dos conveciños do concello fusionado, moitas das súas ideas para chegar á Alcaldía xa están apuntadas en varias follas dunha axenda azul que portaba onte durante a presentación e que empregou como "chuleta" para explicar onde se pode actuar. O seu plan pasa por "dinamizar o rural para evitar a perda de poboación", con medidas como as "axudas para os autónomos e as pequenas empresas" ou o apoio "á agricultura e gandería en ecolóxico, porque, se ben non se pode competir con sectores moi industrializados, é fundamental calquera axuda para que os pequenos produtores poidan chegar ao mercado".

Sen concelleiros: Dúas convocatorias no dique seco
A incorporación de Filgueira ao equipo nacionalista pretende ser un revulsivo nun territorio, Cerdedo-Cotobade, onde a formación tivo hai menos dunha década responsabilidades de Goberno pero, paradoxicamente, quedou fora do salón de plenos, tras vivir unha forte crise interna no 2011 que rematou con Lina Garrido, entón tenente de alcalde nacionalista, nas filas do PSdeG. Anxo Santomé encargouse de liderar a candidatura nacionalista naquel momento de fractura e na convocatoria seguinte, pero a resposta do electorado do BNG non foi suficiente como para conseguir o desexado edil.

 

Comentarios