O BNG define a estrutura do goberno de Barro para o novo mandato

Roberto Rivas seguirá como responsable da área de Cultura e Amelia Cancela manterase á fronte de Benestar Social, Educación e Sanidade

Los concejales del BNG en Barro. DP
photo_camera Os concelleiros do BNG en Barro. DP

O grupo municipal do BNG de Barro, co alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes á fronte, informou este mércores da repartición de áreas de goberno, despois de que o pasado 26 de maio lograsen a maioría absoluta ao pasar de catro concelleiros a seis. Algúns edís, como Roberto Rivas ou Amelia Cancela, repetirán á fronte dos departamentos que xa dirixiron no anterior mandato. O primeiro seguirá como responsable de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, mentres que a segunda manterase á fronte de Benestar Social, Educación e Sanidade.

Á hora de reorganizar a estrutura do anterior executivo, os nacionalistas tiveron en conta "as distintas calidades e perfís de cada un dous concelleiros", segundo indica a formación nun comunicado. Unha das novas incorporacións, Rocío Martínez Sartal, asumirá Medio ambiente, Festas e Participación cidadá, en tanto que Iván Bello Ferreiro farase cargo da área de Obras e servizos, Medio rural e Deporte. 

Pola súa banda, Adrián Silva Magdalena será o responsable de Promoción económica, emprego, turismo e xuventude. 

"O funcionamento das distintas áreas de goberno basearase na cooperación e na interrelación de cada unha das responsabilidades buscando reforzar todas aquelas actuacións que teñan unha  maior  complexidade, tendo en conta que no goberno só o Alcalde terá dedicación exclusiva", explica o BNG no seu escrito.  

Comentarios