O BNG, forza máis votada en Soutomaior por primeira vez

Máis de 1.500 votos sentan a Manuel Lourenzo no  Parlamento de Galicia 
Casa consistorial de Soutomaior. GSV
photo_camera Casa consistorial de Soutomaior. GSV

O nacionalista Manuel Lourenzo, cuarto da lista do BNG, será deputado pola provincia no Parlamento e pode agradecerllo, en parte, aos seus conveciños. A presenza do portavoz municipal na candidatura do BNG sen dúbida ten que ver co feito de que a formación nacionalista haxa conseguido converterse na forza máis votada neste municipio por primeira vez na historia da democracia. Os nacionalistas rexistraron 1.541 votos en termos absolutos, sumando 665 papeletas ao resultado obtido nas anteriores eleccións autonómicas. Un incremento desde o 19% ata o 42 % que deixa a Lourenzo cunha nova marca histórica para a súa formación no municipio, bastión clásico do partido conservador.

Evolución de candidaturas en Soutomaior. XUNTA
Evolución de candidaturas en Soutomaior. XUNTA

A segunda forza foi o PP, con 1.381 papeletas e un 38,48 por cento da torta electoral, no que se nota a perda de 224 sufraxios con respecto ao ano 2016.

O PSOE mantívose nos 406 sufraxios, perdendo 13 con respecto á anterior convocatoria e mantendo máis do 11% da torta electoral e a confluencia de Galicia en Común sumou 108 papeletas, Vox, outras 62 e PACMA 24. Con respecto á participación, alcanzou o 62,43% con 3.633 sufraxios, apenas 131 menos que na anterior convocatoria.

Ponte Caldelas

Os nacionalistas escalan banzos ata ser segunda forza no Verdugo
A repartición natural da torta electoral en Ponte Caldelas ten ao PP como principal protagonista desde hai anos. Nesta convocatoria non cambiou ese primeiro posto no que, con todo, con 1.289 votos e un 48,22 % da representación, os populares perden algo de peso con respecto a 2016.

O sorprendente na vila do Verdugo é que o segundo posto do podio desta carreira electoral foi para o partido de Ana Pontón. Os nacionalistas conseguiron 663 votos, uns 380 máis que na anterior cita autonómica. O PSOE pasa ao terceiro posto con 534 votos e unha diminución de 24 sufraxios que lle mantén por baixo do 20% do total de papeletas.

Outros 66 votos foron para Galicia en Común (Podemos, EU, Anova) e 63 para Vox. A participación foi do 57,22%, tres puntos por baixo de 2016.

Barro

O PP segue dominando unha torta na que crece a porción celeste 
O azul celeste que representa aos nacionalistas ocupa tamén máis espazo na torta electoral de Barro. Así o decidiron as urnas neste municipio onde o PP segue sendo forza hexemónica, aínda que cun certo desgaste que levou a cultivar 1.028 papeletas este domingo (73 menos que na convocatoria anterior e un 55% do total).

O Bloque sobe desde os 384 aos 482 sufraxios e adianta aos socialistas que, con 252 papeletas suman tres máis que a última cita autonómica e mantéñense en torno ao 13,60 por cento da repartición. A participación foi do 61,83 por cento, con 1.871 votos e a abstención alcanzou o 38,17 por cento, uns dous puntos porcentuais con respecto a 2016.

Comentarios