
O BNG de Poio evitou entrar a aclarar o mércores se se tomarán medidas, a nivel de formación, tras as recentes actuacións do PP local, que compareceu con oito fotos do alcalde, tomadas desde o mesmo punto en días distintos, para demostrar que presuntamente Luciano Sobral participaría en encontros nos que se saltaba a normativa anticovid nas tres últimas semanas. Sobral, que desmentiu as acusacións, chegou a insinuar o martes que se tomarían medidas, non tanto polo feito do seguimento do que foi obxecto, como "polas insinuacións que fan sobre ou PXOM".
A formación municipal, con todo, decidiu deixar en vía morta toda resposta, ao entender que "o PP, na súa desesperación, parece que esgotou todos os cartuchos e respostar a isto sería darlle munición".
Marga Caldas, responsable dos nacionalistas, explicou, iso si, que a análise do BNG só chegou a unha conclusión: "por respecto á nosa veciñanza e ás políticas serias que merece o Concello de Poio, imos darlle a esta acción desesperada e persecutoria cara o noso alcalde a consideración que merece: ningunha".
A portavoz do BNG non renunciou, con todo, a unha reflexión, "unha persoa desesperada, e con esta actuación Ángel Moldes demostrou claramente que o está, non pode aspirar a ser alcalde". En contraposición a estes feitos, o grupo municipal do BNG prefire pór o acento "no traballo e nas políticas acaídas que precisa a pandemia", precisamente, incide "a xente merece un Goberno local serio e afastado de sensacionalismos".