O BNG renderalle homenaxe a Miguel Anxo Pazos dez anos despois da súa morte

Os nacionalistas de Poio queren lembrar, no décimo cabodano, a importante labor do edil cara ao mundo do deporte e do mar
photo_camera Miguel Anxo Pazos Barros. J. CERVERA-MERCADILLO

Coincidindo con que durante este mes de outubro se cumpre o décimo aniversario do pasamento do nacionalista de Poio Miguel Anxo Pazos Barros, o BNG local anuncia que ten preparada unha homenaxe para conmemorar o seu pasamento.

O BNG prepara un acto de lembranza no entorno do Pavillón da Seca que foi bautizado, precisamente, co nome de Miguel Anxo Pazos con posterioridade ao seu falecemento, e en cuxo contorno se asenta un monolito na súa lembranza.

O acto consistirá nunha ofrenda floral no monolito adicado ao concelleiro falecido, e celebrarase o próximo xoves 24 de outubro ás 20.00 horas. Os nacionalistas de Poio contarán para esta cita coas intervencións do alcalde de Poio, Luciano Sobral, que estará acompañado de membros da Executiva Nacional da formación, así como representantes do órgano local e do comarcal.

Tamén está previsto que acudan a este encontro os familiares de Miguel Pazos. Para esta ocasión farase un chamamento a tódolos colectivos do municipio, en especial aos do mar así como os deportivos, de xeito que estean presentes na homenaxe os sectores cos que máis se implicou o finado concelleiro, tanto no ámbito profesional como no que respecta á súa labor de Goberno.

Os integrantes do BNG de Poio queren que, con este cabodano simbólico, se lembre que Miguel Anxo Pazos foi un referente para o nacionalismo no concello poiense.

Deste xeito, sinalan que a el se lle debe "o pulo que recibiron as escolas deportivas, que hoxe gozan de plena saúde e que grazas a colaboración do tecido deportivo forman un asentamento referenciado do deporte base". A súa vez, os nacionalistas recordarán "tamén a súa labor incansábel no sector do mar onde rexentou como Patrón Maior de San Telmo, cunha traxectoria recoñecida polas diferentes confrarías e asociacións do sector".

ACCIDENTE. O pasamento de Miguel Anxo Pazos Barros produciuse hai unha década, ao ser arrolado por un turismo cando cruzaba por un paso de peóns nas inmediacións do porto de Marín mentras se dirixía cara o seu propio coche. Pazos Barros tiña daquela 40 anos de idade, pero levaba encadeados xa varios anos de traballo no equipo do BNG e coa responsabilidade da área de Deportes.

Precisamente nese eido centrou os seus esforzos non só no pulo ao tecido de deporte de base que segue, hoxe en día, a beneficiarse da estrutura cimentada polo concelleiro, senón tamén no das dotacións. Así, entre outros proxectos, implicouse na construcción do campo de herba artificial de A Reiboa a traveso dun convenio coa Deputación, na renovación da pista deportiva e na reforma dos vestiarios do campo de fútbol

Comentarios