Bota a andar o Entroido de Cobres coas visitas ás parroquias

 O municipio de Vilaboa gozou da primeira xornada de exaltación do seu emblemático Entroido de Cobres coa visita das madamas e galáns ás parroquias, unha ruta que se realizará cada sábado ata o día grande da festa o martes de Entroido. A Praza de Alcouce, en Figueirido, e a de Postemirón, en Vilaboa, foron o lugar elixido polo grupo do Entroido para lucir por primeira vez no ano (feita a excepción da visita promocional a Fitur en xaneiro) os vistosos traxes de cores elaborados artesanalmente e tocados cuns gorros que pesan, no caso dos homes, ata nove quilos. 

A programación festiva propiamente dita nas parroquias de Cobres, San Adrián e Santa Cristina, dará comezo o día 22 culminará o martes de Entroido, cando, a partir das 16.00 horas se celebrarán os xogos populares de O galo no río, Galo na vara, e se gozará do humor do discurso do predicador, e dos bailes das madamas e galáns. A Concellería de Cultura de Vilaboa propón a campaña #Oentroidounsentimento co fin de facer medrar orgullo por ter un dos entroidos máis espectaculares e antergos de Europa. "Somos un pobo rico en folclore, ritos e tradicións e é necesario que todas nos sintamos Orgullosas del", indica o edil de área, Carlos Acuña, e por iso o Concello repartirá lonas coas persoaxesdo entroido para colgar nos balcóns e fiestras das nosas casas", engade. 

Para facerse cunha destas lonas, feitas con ilustracións da artista local aitanapintos, pódese acudir ás citas polas parroquias, a vindeira o próximo sábado.

Comentarios