Bota a andar o novo Proxecto Senda, que este ano contará con prácticas prelaborais

O Concello reclutou a uns 40 veciños e veciñas interesados en emprendemento, construción de marca e mellora da empregabilidade
O edil de Promoción Económica dirixíndose aos novos participantes do Proxecto Senda. Dp
photo_camera O edil de Promoción Económica dirixíndose aos novos participantes do Proxecto Senda. Dp

O proceso selectivo dos participantes na nova edición do Proxecto Senda iniciouse este xoves en Poio. O concelleiro de Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, participou no encontro inicial no Centro de Formación da Reiboa, reunión que terá continuidade hoxe.

Agís indicou que unha vez rematada esta fase, as sesións comezarán, nas mesmas instalacións, a partires do vindeiro 22 de abril.

Nesta primeira toma de contacto reuníronse preto de 40 persoas, que foron as que se inscribiron para desenvolver esta iniciativa.

O Proxecto Senda é un plan co que o Concello se dirixe ás persoas, preferetemente sen emprego e con iniciativas en mente para axudarlles a favorecer o emprendemento, o impulso de novas marcas e proxectos persoais, ou, no caso de ter algo xa en marcha, capacitalos no uso de novas tecnoloxías e a formación. Tal e como explicou Agís, o proceso selectivo se está levando a cabo en grupos reducidos, para garantir o cumprimento do aforo e de todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias acorde coa situación actual. Na súa intervención, Agís amosouse convencido de que o Proxecto Senda resultará unha ferramenta «moi útil» para os e as participantes, a maioría das cales son persoas empadroadas en Poio.

"O noso municipio ten unha gran franxa de habitantes mozos e con pretensións de iniciar a súa actividade profesional a través de novos negocios ou proxectos emprendedores. Con iniciativas como esta, o que pretendemos é darlles un pulo para que os seus obxectivos se fagan realidade e se lle poida dar visibilidade á súa valía", explicou o responsable de Promoción Económica.

A edición Senda 2021 inclúe a realización de prácticas prelaborais en empresas, se non o desaconsella no seu momento a situación sanitaria.

Ademais, achegará pautas de formación e experiencias para mellorar coñecementos e facilitar o impulso a proxectos persoais, profesionais e novas marcas.

No eido deste plan existe unha aposta consolidade no que se refire á integración social daqueles colectivos que están a atopar máis dificultades no que á inserción laboral se refire e tamén se fará fincapé en cuestións de ámbito medioambiental. De cara a finais de ano, está previsto que Promoción Económica desenvolva unha xornada sobre emprendemento. As xornadas en si mesmas rematarán no mes de xullo.

O edil tamén animou aos asistentes a realizar as súas propostas, pois "son moitas as ocasións nas que, grazas ás suxestións da cidadanía, podemos impulsar novos cursos e actuacións". 

Reabre a Casa de Colón para as visitas guiadas
A Casa Museo de Colón retomou a semana pasada as visitas guiadas coa presenza dun grupo de dez persoas, chegadas desde Vigo, para coñecer estas dependencias, nas que se acumulan os textos e documentos que defenden a teoría da orixe galega de Colón. O Concello de Poio lembra que, para realizar este tipo de visitas é preciso contactar previamente co Consistorio, chamando ao número de teléfono 986770001. Esta visita foi organizada pola Asociación Memoria Histórica e desenvolveuse cumprindo con todas as medidas en cuestións de aforo, hixiene e distanciamento. O número máximo de persoas permitidas será de 15. O horario semanal será de martes a sábado, desde as 9.30 ás 14.30 horas. O museo permanecerá pechado os domingos e os luns. Desde principios de abril, unha conserxe contratada a través da liña do Plan Concellos atende o centro.

Comentarios