A cabalgata de Chancelas que acaba nunha denuncia por calumnias nas redes

Uns veciños que se disfrazaron de reis montados nun chimpín, acusados por un perfil anónimo de propagar a covid-19
Una de las fotos de la cabalgata de Chancelas. DP
photo_camera Unha das fotos da cabalgata de Chancelas. DP

A tensión política en Poio e o ambiente de temor xeneralizado que xorde por mor da pandemia derivaron nunha denuncia por inxurias nas redes sociais contra o ou os xestores de Xa cho contarei, un dos varios perfís existentes nas redes sociais que tratan asuntos do Concello no que se xeran críticas e accións de carácter inxurioso sen que se coñeza, ata a data, quen son os seus responsables. Xa cho contarei do mesmo xeito que moitos perfís de Poio céntrase en críticas a cuestións políticas e ao Goberno Local, pero nesta ocasión publicou, o venres, un post no que se refería á cabalgata veciñal de Chancelas, un evento no que se repartiron "caramelos envelenados" con colaboración de Ángel Moldes e do Goberno local. O post di que hai doce contaxios de covid-19 en Chancelas que pasarían por esa cabalgata.

Tras varias horas nas que o comentario incendiou as redes, María Barcia Esperón, unha veciña do lugar, participante na citada cabalgata veciñal, acudiu á Garda Civil para realizar unha denuncia por delito telemático, ao entender que estas accións son inxuriosas e prexudican non só á veciñanza, senón aos políticos mencionados, que si doaron caramelos. "Denunciei ante a Garda Civil estas calumnias porque non se deben andar facendo esas afirmacións sobre a enfermidade: en Chancelas non hai ningún brote e non se sabe de contaxios novos. Sanidade non dá os datos por parroquias e non entendemos como poden andar finxindo que saben. Houbo familias que pasaron a covid antes de Nadal e outras illadas xusto nesas datas, pero non as hai agora, e non se debe estar sementando a alarma dese xeito. Ademais, pasaron catro días desde o de Reis, imposible que algún contaxio actual se derivase daquilo, porque non deu tempo", explicou María.

A veciña aclarou que "despois de facer unha decoración do Nadal especial no barrio, organizamos unha cabalgata caseira para os nosos nenos e nenas. Serían oito nenos e nenas en total, incluíndonos a nós que iamos de Reis e a algúns adultos, deberon pasar por alí 18 persoas". A veciña aclara que "ao comentarlle a Ángel Moldes que iamos vestirnos de Reis Meigos, ofreceunos caramelos, e tamén o alcalde o fixo, ao sabelo por terceiros. Son caramelos que tivemos un tempo en corentena na miña casa e que se entregaron en bolsas plásticas. Nin tiñan virus, nin veleno, nin nada", recalca, enfadada, a veciña. "A denuncia non se retirará. Aínda que ese perfil está pedindo perdón nas redes sociais e matiza que a crítica ía polos políticos, non dá a cara. Que diga quen é e que se retracte", insiste. María Barcia foi unha das persoas que propuxo a idea e que se vestiu de Rei Mago: "eramos tres nun chimpín. Non había reunión, xa que iamos ao aire libre e en media hora estabamos de novo nas nosas casas. Non creo que incumpliramos ningunha norma", insiste.

Xa cho contarei segue mantendo a crítica aos políticos, posto que "está prohibido repartir caramelos en cabalgatas por decreto sanitario" e sostén aínda que había persoas positivas por covid vinculadas ao evento.

Comentarios