As camelias con nome feminino únense á ruta do castelo de Soutomaior

undefined
photo_camera Xardíns do castelo de Soutomaior. DP

As visitas guiadas ao xardín de Excelencia Internacional no castelo de Soutomaior confórmanse como unha atractiva opción turística e de lecer para a ponte de San José. A Deputación de Pontevedra, coincidindo coa etapa de floración da camelia, ten en marcha por terceiro ano consecutivo estes percorridos botánicos —sempre cun aforamento reducido e adaptándose ás circunstancias e evolución da crise sanitaria— e, aínda que as prazas para este sábado xa están esgotadas, quedan vacantes para a xornada do domingo. Tamén quedan algunhas prazas libres para as visitas previstas no último fin de semana deste mes, os días 27 e 28.

Estas visitas ofrecen a posibilidade de coñecer todas as variedades de camelias do xardín, así como a súa orixe, coidados e curiosidades. Así mesmo, este ano o percorrido inclúe como novidade, no marco da programación do 8-M da Deputación, a visita ao Xardín de Camelia con nome de muller, o espazo creado en 2020 coa plantación da primeira camelia María Vinyals, e completado logo coas variedades Rosalía de Castro, Bela Otero e Jane Andersen.

Os percorridos tamén teñen unha parada na plantación de té de camelia existente nos xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, historia e beneficios.

As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través da web do castelo. O custo é de 1,5 euros no caso da tarifa reducida e de 3 euros a tarifa normal.

Comentarios