Campelo encoméndase ao terror máis divertido na súa programación de Samaín

Por séptimo ano consecutivo, a vila acollerá convocatorias como a festa infantil de Samaín, a corredoira do Terror e o concurso de chulas
A presidenta da asociación Arela, Esperanza Álvarez, no centro, coa edil de Cultura, Raquel Rodríguez, este venres. GONZALO GARCÍA
photo_camera A presidenta da asociación Arela, Esperanza Álvarez, no centro, coa edil de Cultura, Raquel Rodríguez, este venres. GONZALO GARCÍA

Non quedan vilas galegas sen magosto de outono e moi poucas renuncian a facer propostas de lecer vinculadas ao Samaín ou a Halloween, pero o caso de Campelo, en Poio, vai camiño de convertirse en paradigma pola abundancia de citas na súa programación, que semella mesmo un pequeno Entroido de outono. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, acudiu este venres á presentación destes eventos, organizados co apoio do Concello e da Deputación, pero baixo a batura da asociación de mulleres Arela, de Campelo.

O Samaín contará por segundo ano consecutivo coa participación dun convidado estrela: o cociñeiro José Solla, que aceptou a proposta da asociación Arela e acudirá ao Concurso de Chulas de Calacú, onde fará unha demostración da súa propia versión da cociña de Samaín. Será o día 2 de novembro, data culmen dos festexos nun acto, ás 21.50 horas, no que calcula se poden chegar a dar cita unhas 15 cociñeiras para competir pola elaboración da chula de calacú máis gorentosa.

Esa mesma xornada do sábado 2, ás 18.00 horas será a Festa Infantil do Samaín nunha carpa na Praza da Granxa, mentras que ás 19.30 horas terá lugar a Corredoira do Terror, unha camiñata ao estilo 'Santa Compaña' na que os cativos e adultos participantes non serán os únicos que dean medo, senón que, segundo anunciaron as organizadoras, "haberá sustos para todos". Da parte máis espectacular desta cita encargarase Khatarsis Espectáculos, unha empresa de animación que porá en escea 'Irrupcións violentas' no transcurso da andaina. Ás 21.00, no contorno da Granxa esta mesma formación ofrecerá un espectáculo de lume.

PREMIOS

A cita do día 2 despedirase coa degustación das chulas, pero tamén coa entrega de premios dese certame e doutro concurso que será novidade este ano: a competición de relatos de terror. Están convocados os mozos de entre 12 e 25 anos e o prazo de admisión remata o día 28 deste mes. As obras deben ser breves, abordar historias de medo e entregarse vía correo electrónico ([email protected]) ou ben na Biblioteca.

O martes 29 o prólogo do Samaín chegará en forma de obradoiro de maquillaxe e efectos especiais. Será de 18.00 a 20.00 e o xoves 31 a gran cita para os cativos e cativas será na Praza da Granxa, onde terán unha xornada de Sustos e Truco ou Trato desde as 18.00 ata que chegue a escuridade.

Comentarios