Campo Lameiro estrea a súa primeira festa histórica

O Concello, a Consellería de Cultura e o PAAR promoverán unha festa centrada na Idade de Bronce o día 21
Unha das exhibicións que normalmente acolle o PAAR na súa programación anual. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha das exhibicións que normalmente acolle o PAAR na súa programación anual. RAFA FARIÑA

De ser o territorio con maior conglomeración de xacementos rupestres, a albergar o meirande centro de interpretación dos mesmos en Galicia, e deste punto, a promover o primeiro festival de historia centrado na época da Idade de Bronce. Ese é o periplo do Concello de Campo Lameiro, que o vindeiro día 21 se estreará como municipio promotor dunha festa histórica que se chamará Laeros e na que o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre terá un importante papel como espazo acolledor de parte principal das actividades.

O festival celebrarase o día 21 deste mes, domingo, data na que todos os participantes poden acceder a unha meirande parte de actividades con carácter gratuíto nas que se combina a parte lúdica e a didáctica. As únicas dúas propostas nas que é preciso inscribirse serán a excursión en autobús polos distintos puntos nos que hai importantes mostras de arte rupestre como o Castro Penalba, Campo de Matabois ou Chan da Lagoa e a comida comunitaria a medoiodía. Cada unha destas dúas excursións en microbús terá un prezo por persoa de tres euros previa reserva no teléfono 886 151 195 ou no correo electrónico: [email protected]. As saídas serán ás 10.15 e 11.30 horas no caso do Castro Penalba, mentres que as vespertinas serán 16.00 e 17.15 cara o Castro de Penalba e ás 17.30 e 18.45 no Campo de Matabois.

As únicas dúas propostas nas que é preciso inscribirse serán a excursión en autobús e a comida comunitaria

No apartado de eventos gratuítos estará a estancia PAAR na que se poderá presenciar unha recreación da vida no poboado a cargo da Asociación Tir Na n'Og, así como as exhibicións de metalurxia, exhibicións e obradoiros de arqueolóxía e as visitas guiadas Petróglifos de Campo Lameiro e Suso Martínez no papel de Sobrino Buhigas, que se producirán ás 19.30 e ás 20.30 horas.

A parte musical, que tamén estará inspirada na prehistoria, correrá a cargo de Neønymus, quen realiza polifonías vogais, que combina con instrumentos prehistóricos e aparatos electrónicos.

A idea do Concello non é só a de reivindicar o valor da súa arte rupestre, senón relacionala coa poboación local e dinamizar a economía. Deste xeito, no espazo haberá un mercadiño con máis dunha ducia de postos de artesáns locais.

Asado de vacún ao estilo antigo
Un asado de vacún ao estilo do que podería realizarse na prehistoria será un dos engados desta cita. Para participar é preciso reservar lotes (400 € para 20 comensais, ou a metade para 10). Ademais de vacún, haberá racións de polbo e bebidas en cada lote. Tamén se pode degustar o polbo por libre. A organización anima a acudir con vestimentas similares ás da época e establece un premio de 200 € para a mellor proposta.

Comentarios