Canda crea tres concellarías para os tres tenentes de alcalde

O alcalde da Lama manterá o seu soldo igual que no anterior mandato e só haberá unha dedicación exclusiva

Jorge Canda. DP
photo_camera Jorge Canda. DP

O Pleno de organización celebrado na Lama o pasado venres serviu ao alcalde, Jorge Canda, para dar un xiro de temón neste novo mandato no que se rectifica o modelo de xestión de modo que os tres tenentes de alcalde, David Carrera, Jorge Méndez e José Fortes, contarán con áreas específicas. Canda volverá apostar por unha única dedicación exclusiva, a súa, que manterá o seu soldo nos 39.999,96 euros que cobrou o anterior mandato.

O alcalde realizará delegacións de competencias conferidas a David Carreira: Muller, Igualdade e Asuntos Sociais; Jorge Méndez, ao que se lle asigna Medio Rural, e Daniel Vidal, que estará á fronte de Cultura e Deportes. A repartición de áreas é algo que Canda non realizara no anterior mandato nin nos precedentes, tendo en conta da excepción do caso de Carlos Piñeiro Teodosio, o falecido tenente de alcalde que si tiña responsabilidades en obras.

Con respecto a este mandato, Canda tamén decidiu convocar plenos ordinarios cada dous meses os últimos luns dos meses impares ás 14.00 horas mentres que as comisións informativas e de contas estarán compostas por catro representantes do PP, un do PSdeG-PSOE, un de Ciudadanos e outro do BNG.

O representante municipal no Consello Escolar do CEIP da Lama será Daniel Vidal.

No capítulo de asignacións por asistencia a plenos, os concelleiros recibirán 70 euros do mesmo xeito que a calquera comisión informativa de contas, coa excepción do alcalde, que ao ter dedicación exclusiva non cobrará estas retribucións.

Así mesmo, tras aprobarse a acta do pleno anterior tomou posesión da súa acta como concelleira José Fortes, que na sesión constitutiva non puido persoarse por impedimentos de carácter persoal.

Comentarios