Carmen, a superavoa de cen metros cadrados

O Concello de Soutomaior celebrou o día da Muller Rural cun mural de Joseba Muruzábal, o artista que inmortaliza ás avoas galegas como heroínas ►Carme foi retratada 'A muller bivalvo'
Arcade xa pode presumir de estar na ruta das superavoas galegas de Joseba M.P. DP - Portada
photo_camera Arcade xa pode presumir de estar na ruta das superavoas galegas de Joseba M.P. DP

ARCADE TEN unha superavoa de cen metros cadrados que se alza sobre unha vieira e que leva un cesto de ameixas na cabeza. Chámase Carme Sobral e ten 96 anos. Nestes días, a súa saúde resentiuse e non puido saír de casa para ir ver o inmenso retrato que lle fixo o artista Yoseba Muruzábal na parede medianeira dun dos edificios máis altos e visibles de Arcade. A medianeira elixida polo Concello de Soutomaior para celebrar o Día da Muller Rural en colaboración co reputado artista dos murais que ten a colección máis ampla de retratos en gran formato de Fenómenos do rural vai pasar á lista de elementos do municipio dignos dunha visita, una foto ou unha ollada máis profunda.

O artista Yoseba Muruzábal, que vén de completar o seu traballo, colgou no seu muro de Facebook (Yoseba M.P.) un pequeno resumo da historia de Carme, á que bautizou como A muller bivalvo para recoñecer os seus superpoderes como mariscadora propiciados polo seu mandil, que funciona, nos retratos do autor, como o fai unha capa para os superheroes tradicionais.

Carme Sobral, coñecida como Carmen a Zoca, xa se lembra a si mesma mariscando con 11 anos, antes da Guerra Civil, acompañando a súa nai. Aínda que non puido aprender a ler e a escribir na escola, tivo onde observar as operacións de cálculo, posto que ao chegar a terra despois de faenar, os comerciantes realizaban no peirao os cálculos e pesaxes precisos para comprarlles o marisco ás mulleres. Co tempo, ela mesma aprendeu a facer eses cálculos e a lanzar ofertas xenerosas ás súas compañeiras. Canto máis rápido se facían as contas de cabeza, máis quilos se podían comprar. Carme saía mollada do mar, coas súas propias capturas ás costas, e de inmediato sacaba a báscula para comprar o das compañeiras. Todas lembran os seus xenerosos redondeos nas pesaxes. Muruzábal relata a admiración que lle causa que, con 96 anos, botara a cesta ela mesma á cabeza e sustentara o sacho co que se fixo a foto para o mural.

O Goberno local de Soutomaior non agocha o seu orgullo por ter escollido a esta veciña para representar a importancia da muller rural no tecido social do municipio. O alcalde, Agustín Reguera, destaca que este mural, así como a mostra da exposición Fenómenos do rural de Muruzábal (ata fin de mes, no Multiusos de Arcade), "supone un reconocimiento para todas las mujeres que con su trabajo y esfuerzo ayudaron a levantar Arcade y Soutomaior".

Na mostra aparecen outras superavoas que el fixo famosas, como Lola, a greleira de 50 pés de Ordes, A muller nitromón, de Carballo, A ninja Claudina e raspa dourada, de Muxía, ou A respoteira dos montes, de Navia.

Comentarios