Caser Residencial faise co centro de maiores de Nueva Vida, en Vilaboa

O centro é un dos máis completos da comarca

Centro Residencial Pontevedra, en Vilaboa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Centro Residencial Pontevedra, en Vilaboa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha das principais residencias para maiores da comarca de Pontevedra acaba de ser adquirida polo grupo Caser Residencial. Así o anunciou este mércores a filial do grupo Caser especializada na atención a persoas maiores, que o venres ofrecerá todos os detalles sobre a adquisición do centro para maiores de Vilaboa, denominado Centro Residencial Pontevedra, pertencente á Sociedade Anónima Residencia Nueva Vida, entidade que, á súa vez, convocou para o sábado unha xunta de accionistas.

O centro é un dos máis completos da comarca, xa que ofrece, entre outros, servizos como a atención médica e enfermería permanente, DUE, fisioterapia e terapia ocupacional con cans, así como atención psicolóxica e animación lúdica e social.

As instalacións contan con 193 prazas residenciais, das cales, 121 concéntranse en habitacións individuais e outras 36 en cuartos dobres. Ademais, o centro conta con 40 prazas no Centro de Día.

A residencia foi inaugurada no ano 2005 e ocupa unha superficie total de 9.748 metros cadrados, rodeados doutros 7.239 metros de xardín. O centro botou a andar cun cociente dun 60% de prazas públicas, tras ser construído a través do Plan Igape do Goberno autonómico.

Caser Residencial é unha filial da aseguradora centrada na atención á terceira idade e á dependencia que xestiona, ademais de residencias, unidades de atención especializadas, centros de día e pisos tutelados. Con respecto á súa área de negocio en Galicia, a de Vilaboa será a segunda das 18 residencias para maiores que Caser xestiona en todo o territorio nacional. A outra sitúase en Zapateira, A Coruña, onde tamén se ofrecen prazas de centro de día.

Comentarios