O CEIP da Lama incorporará o Plan Madruga aos seus servizos o curso que vén

Esta prestación permitirá que pais e nais poidan deixar antes aos cativos no centro para gañar tempo e desprazarse aos seus centros de traballo
Reunión do director do centro coa nova directiva da ANPA. D.P.
photo_camera Reunión do director do centro coa nova directiva da ANPA. D.P.

O Concello da Lama impulsa coa comunidade educativa do CEIP da Lama a implantación do Plan Madruga para o vindeiro curso que permitirá que se concilie mellor a vida laboral coa familiar ao ofrecer un horario de 7.30 a 10.00 horas da mañá para recepcionar aos cativos mentras non comeza a actividade lectiva do centro escolar.

A inteción do Concello é subvencionar o 50% do custe deste servizo de gardería matinal favorecendo así e incentivando tamén a matriculación de nenos e nenas neste centro educativo.

De feito, agárdase que o novo curso escolar o CEIP da Lama supere os 90 alumnos que se poderían beneficiar deste novo servizo.
O Plan Madruga será coordinado  pola nova directiva da Asociación de Nais e Pais (Anpa) que colle o relevo da anterior xunta encabezada por Macarena Solla, durante a cal se levaron a cabo importantes actividades e a transformación total do local de reunións da propia Anpa, lugar que agora se empregará para acoller aos cativos que participen no Plan Madruga.

O reto da nova directiva encabezada por Pomba Longueira será, entre outros, coordinar e poñer en marcha coa colaboración do Concello e do propio centro educativo este servizo, fundamental para que o colexio siga ofrecendo e atendendo de xeito competitivo toda unha serie prestacións educativas e complementarias como esta.

Os pais e nais do centro educativo recibirán en breve unha información completa e detallada sobre o funcionamento do plan así como a tarifa mensual definitiva.

comentarios