O centro sociocultural de Tenorio entra na fase final co obxectivo de abrir en 2021

O proxecto, que conta cun orzamento de 620.000 euros, inclúe un miradoiro na parte posterior con vistas á parroquia e ao Val do Lérez
Estado actual da obra do centro sociocultural de Tenorio. CONCELLO
photo_camera Estado actual da obra do centro sociocultural de Tenorio. CONCELLO

As obras de construción do centro sociocultural de Tenorio, impulsadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade, están, cada vez, máis preto de ser unha realidade. A actuación vén de entrar na súa fase final, co comezo dos traballos de levantamento de paredes, tabicados interiores, dotación da cuberta e instalación de servizos, tras a colocación da estrutura xeral.

O recinto, dotado con 560 metros cadrados para acoller toda a actividade social e cultural da parroquia, comezouse a construir o pasado mes de febreiro, pero viuse afectado pola paralización da crise sanitaria. Aínda así, dende o Concello, barallan que quede rematado ao longo do presente ano, e que abra as portas en 2021.

A obra conta cun orzamento de 620.000 euros, e está a ser executado pola firma Coviastec, gañadora do concurso público ao ofrecer unha baixa de case o 6% sobre a licitación, melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos.

CARACTERÍSTICAS. O centro sociocultural, no que destaca a dotación dun miradoiro interior con balcón na parte posterior con vistas á parroquia de Tenorio e a parte do Val do Lérez. Emprázase na travesía de Tenorio, entre o centro de saúde e a zona de Covas, nunha parcela de 1.670 metros cadrados. Disporá dunha dobre sala, de 170 e 107 metros, respectivamente, que se poderá usar de xeito conxunto grazas aos seus tres pórticos de dúas augas e á súa envolvente con peche de dúas follas, co que acada unha capacidade para 300 persoas.

Deste modo, poderá acoller todas as actividades da contorna, con especial beneficio para os maiores e os colectivos culturais e musicais, segundo detalla o Concello. Tamén contará con tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos, dous deles para persoas con minusvalía, tres espazos de almacén e un porche.

Comentarios