O CEP Riomaior de Vilaboa reinventa a súa biblioteca e dótaa dun 'espazo maker'

A Xunta, o Concello e a ANPA cooperaron na renovación da zona de lectura. Alumnos de quinto curso axudarán a xestionala
Na inauguración estiveron o asesor de bibliotecas Paco Díaz e o inspector de Educación, Carlos Rábade. DP
photo_camera Na inauguración estiveron o asesor de bibliotecas Paco Díaz e o inspector de Educación, Carlos Rábade. DP

Toda obra rematada merece unha inauguración e se esa obra é a de reforma e mellora dunha biblioteca, esa inaguración debe realizarse por todo o alto. Así o pensan no CEP Plurilingüe Riomaior, en Vilaboa, onde esta semana celebraron con corte de fita incluido o momento de apertura do novo espazo de lectura recén reformado e ampliado.

Tal e como relatan desde o centro, o CEP xa contaba cunha biblioteca, pero co paso do tempo foron vendo que era necesario darlle un novo pulo. Ese 'salto cualitativo' chegou grazas a unhas obras nas que se mellorou o piso, o falso teito, e todo o mobiliario da sala de lectura.

Ademais dun 'envoltorio' modernizado, a biblioteca tamén gozará dun contido ampliado e reforzado, grazas á provisión de máis fondos documentais e informáticos para poñelos a disposición dos alumnos e as alumnas. Outra das novidades que o profesorado deseñou para esta biblioteca será o 'Espazo maker', un recuncho no que o alumnado poderá, entre outras cousas, recrear persoaxes con disfraces, concentrarse no xogo simbólico, cooperar con distintos xogos de mesa e deixar voar a imaxinación.

Ademais, os alumos de quinto curso serán os responsables de cooperar na xestión desta sala de lectura e no acto inaugural asinaron o documento de compromiso coas súas funcións. Na reforma desta biblioteca colaboraron a ANPA, a consellería de Educación e o Concello de Vilaboa.

Comentarios