Cerdedo-Cotobade humanizará a travesía interior de Tenorio este ano

A reforma, de preto dun quilómetro, contará cun investimento de 800.000 euros, dos que 250.000 achegaraos o Concello e o resto a Consellería de Infraestruturas en dúas anualidades
2020010616543187141
photo_camera Ethel Vázquez, no centro, co alcalde, na xornada na que coñeceu o proxecto, en Tenorio. D. FREIRE

O Concello Cerdedo-Cotobade iniciará no ano recentemente estreado, o proceso para humanizar e renovar integralmente os servizos da travesía interior de Tenorio, un viario que está constituído polo antigo tramo da estrada N-541 que se converteu, co paso do tempo, nun dos eixos urbanísticos e de comunicación máis habitados do interior da parroquia.

O Concello conta xa no Orzamento de 2020 cunha partida de 250.000 euros habilitada para poder iniciar estas obras en canto sexa posible, e a cantidade restante ata o total do custo, estimado nuns 800.000 euros, será achegada pola Consellería de Infraestruturas a través dunha subvención bianual. A primeira anualidade, de 300.000 euros, destinarase neste ano, mentres que o resto ata 550.000 serán achegados en 2021.

O alcalde, Jorge Cubela, contaba cun borrador do plan bastante avanzado xa no último trimestre de 2019, cando, nunha visita da conselleira Ethel Vázquez na que se supervisou a marcha das obras de saneamento, expúxose a necesidade de axuda para esta intervención e explicouse á máxima responsable do departamento autonómico o contido da obra.

A intención da actuación, é, por unha banda, a de humanizar unha das zonas residenciais de maior valor do municipio, cun ensanche de beirarrúas, mellora do firme, regulación das prazas de estacionamento e das prazas para persoas con problemas de mobilidade, e, por outra, a completa renovación dos servizos vinculados a este eixo: saneamento, iluminación e abastecemento.

En canto ao saneamento, aínda que gran parte das residencias da zona xa contan con rede de sumidoiros, a mellora global que se está abordando en todos os núcleos de Tenorio implica tamén mellorar a rede secundaria e as acometidas ás vivendas, e aproveitar para incluír no servizo a todas aquelas que quedaron descolgadas a última vez que se dotou deste servizo ao centro da parroquia.

Acceso ao futuro centro sociocultural
A humanización de preto dun quilómetro de percorrido desta travesía rural permitirá unificar a contorna da Biblioteca e o Mosteiro de Tenorio coa rúa de acceso aos mesmos espazos. Trátase, destaca o Goberno local, de dous dos referentes tanto para a poboación local como para os visitantes. á súa vez, a travesía discorre por diante da parcela onde se iniciarán as obras do novo centro sociocultural.

Estoutra actuación, a cargo da empresa Coviastec, suporá a construción dun recinto de 561 metros cadrados, e que disporá dunha dobre sala, de 170 e 107 metros, respectivamente, que se poderá usar de forma conxunta e alcanzar unha capacidade para 300 persoas. Prevese que estes traballos, licitados en 583.000 euros, iníciense tamén no primeiro trimestre.

Comentarios