Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Cerdedo-Cotobade refórzase fronte ao lume con 20 peóns de limpeza

O presidente da Xunta Xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na reunión cos novos operarios. D.P.
O presidente da Xunta Xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na reunión cos novos operarios. D.P.

O Concello asume con fondos propios a creación dun grupo de roza e apoio ás dúas brigadas municipais de extinción

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de reforzar as accións do Programa Municipal de Prevención de Lumes Forestais 2018 mediante a contratación de 20 peóns forestais, que servirán de reforzo e complemento ao resto do cadro de persoal, ás infraestruturas e servizos xa en marcha.

O presidente municipal, Jorge Cubela, acudiu a unha reunión informativa co novo persoal na que se aproveitou para formalizar a firma dos seus contratos.

O Concello contará cos servizos destas persoas durante os próximos seis meses, con condicións de xornada completa e salarios que serán asumidos con fondos propios.

Tal e como explicou o Concello, "a súa labor vai consistir principalmente na limpeza e roza da masa forestal existente non termo municipal, con atención a puntos estratéxicos, bens municipais e lugares con elevado risco de incendio, e tamén servirán de apoio e servizo auxiliar aos equipos de extinción".

O Concello de Cerdedo-Cotobade culmina o seu dispositivo de persoal para a tempada de alto risco de incendios, pois anteriormente contratara dúas brigadas de extinción e tres condutores de camións motobomba.

Esta medida súmase a outras adoptadas con apoio da Xunta durante o ano, como a construción dun depósito de auga para helicópteros de 500 metros cúbicos en Tenorio, que xa está operativo. O tanque foi financiado por Medio Rural, consellería á que se lle solicitou a creación dun cordón de protección no lugar de Parada de Tenorio, que todos os anos sofre incendios e en 2017 foi especialmente castigada na onda de lumes do mes de outubro.

Pola súa banda, desde o Concello tamén se está desenvolvendo, desde o pasado mes de abril, unha política de limpeza de leiras nos núcleos e nas súas franxas de protección. Inicialmente elaboráronse mapas detallados de todos os lugares do municipio e, a continuación, reclamouse a roza das parcelas, rexistrando unha gran colaboración por parte dos propietarios.

Cerdedo-Cotobade refórzase fronte ao lume con 20 peóns de limpeza
Comentarios