Cheo ata os topes en Campelo coa actuación de Panorama

Calcúlase que máis de mil persoas puideron quedar fora do recinto, aínda que a xornada discorreu sen incidencias

Foto do final da actuación de Panorama, o pasado xoves. D.P.
photo_camera Foto do final da actuación de Panorama, o pasado xoves. D.P.

Éxito sospeitado, pero non por iso menos difícil de xestionar, o do concerto da Orquestra Panorama o xoves en Campelocon motivo do primeiro día das Festas de Fátima.

A decisión da Comisión de Festas de contar coas tres principais orquestras do mundo das verbenas xerou unha expectación en toda a provincia que levou á organización e ao Concello a decidir pór aforamento limitado e realizar un plan de seguridade que incluíu precisamente a contratación dun control de accesos ao recinto e un dispositivo no que colaboraron Protección Civil, a Policía Local e a Garda Civil.

O resultado do dispositivo, segundo as primeiras valoracións da organización, foi o esperado e, aínda que chegou máis xente da que en realidade cabía na Praza da Granxa e houbo quen se tivo que quedar nos arredores (crese que puideron ser ata unhas mil persoas máis), a festa discorreu coa normalidade que se espera neste tipo de eventos, nos que participa, sobre todo, público novo e adolescente.

Fontes da organización indican que tanto na actuación de París de Noia do venres como na do Combo Dominicano do sábado, espérase unha situación máis manexable aínda que tamén será necesario o control de accesos e todo o dispositivo, incluído un Punto Lila no que poder solicitar axuda se se producen situacións de acoso ou violencia de xénero.

O venres eran París de Noia e Discotecas Móviles CDC os responsables da verbena, mentres que o sábado, O Combo Dominicano e, de novo, Discotecas CDC completarán a parte festiva do evento. No aspecto relixioso, o domingo ás 12.00 será a misa cantada pola coral Fátima de Campelo, seguida de procesión acompañada da Banda de Guerra da Brilat.

Comentarios