lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Abel Vidal: "Na cidade hai máis comodidades, o que non implica mellor calidade de vida"

Abel Vidal xunto á súa vivenda, na aldea de Fuentegrande. PATRI FIGUEIRAS
Abel Vidal xunto á súa vivenda, na aldea de Fuentegrande. PATRI FIGUEIRAS

Abel Vidal Tato naceu no lugar de Fuentegrande, en Forcarei, fai case 50 anos. Tras varios anos residindo noutros lugares por razóns laborais, decidiu regresar ao lugar que lle viu crecer e onde actualmente reside xunto á súa nai Concha. Tras falecer o seu pai hai uns meses, Abel e Concha son os únicos habitantes desta aldea do interior pontevedrés, que dista oito quilómetros de Soutelo de Montes, 20 de Forcarei e 14 de Cerdedo-Cotobade.

Abel conta que no século XIX, en 1850, "había 104 persoas vivindo en catro pobos de aquí, o cal dá unha idea do mal que vivía a xente, porque isto non daba para todos". E é que os residentes destas pequenas aldeas vivían "dos animais e do que cultivaban, compraban algo na feira... pero non había un traballo, non había un soldo a fin de mes", e iso provocou que isto se baleirase". "O rural abandonouse un pouco porque tal e como se traballaba daquela non era rendible".

Así, este forcaricense explica que "a partir de 1950 foi cando máis emigración empezou a haber, a xente empezouse a marchar e baixou a natalidade, co cal isto se foi quedando desprazado. A xente foise, atopou outra vida un pouco mellor, e foise desvinculando de todo isto".

A pesar da soidade da aldea e a distancia aos principais núcleos de poboación da zona, Abel está encantado de vivir no rural. "Eu aquí estou a gusto. Vívese máis tranquilo e relaxado", asegura. E de feito, "eu non quero irme. Mentres a miña nai goce de saúde, aquí estaremos. Ademais, a xente que naceu aquí e se criou aquí, esta é a súa vida, e se os cambias de sitio quítaslles anos de vida", conta.

¿E cales son as vantaxes de vivir nunha aldea case pantasma? "Pois moitas", di. "Tranquilidade...é outro tipo de vida. Eu teño un amigo que vive en Santiago que di que para vivir na aldea hai que saber, é unha vida moi distinta á da cidade, entón depende un pouco do que busques".

E é que a parte da "pouca xente" que hai nestas zonas do interior pontevedrés, e que "cando chegas afeito da cidade botas en falta o contacto coa xente", Abel non atopa ningún outro inconveniente. De feito, asegura que, a pesar da distancia, goza de todos os servizos municipais e realizar a compra ou ir ao médico lévalle uns minutos en coche. "Na cidade hai máis comodidades, o que non implica mellor calidade de vida", sentenza, unha idea que se fixo aínda máis patente durante o confinamento, pois "foi máis levadío. Practicamente todos temos casa con leira ao redor e ao haber menos poboación e máis dispersa non existe esa tensión polo contacto cos demais", di, e "a proba está en toda a xente que escapou da cidade ás aldeas".

Abel está convencido de que as administracións poden facer algo por salvar algunhas destas aldeas desertas, por exemplo potenciar o turismo rural.

Abel Vidal: "Na cidade hai máis comodidades, o que non implica...
comentarios