A cita previa e a carpa anti covid-19 frean as aglomeracións en Anafáns

O Concello de Poio instalou unha carpa anexa ao centro de saúde para facilitar as esperas no exterior en plena campaña da vacina da gripe. As citas completáronse nas primeiras semanas
2020102313403051997
photo_camera A carpa instalada polo concello no centro de saúde de Anafáns. GONZALO GARCÍA

En plena campaña da vacina da gripe e coas citas completas durante as primeiras semanas, unha carpa instalada polo Concello de Poio no exterior do centro de saúde de Anafáns dá soporte ás esperas, que obedecen a unha axenda de citas que xa se completou durante esta primeira etapa do calendario de vacinas. Pero o sistema funcionou. A carpa, anexa ao centro para posibilitar que os pacientes se resgarden da choiva mentres agardan, xunto co sistema de citas previas, deixou unhas primeiras xornadas "sen grandes aglomeracións e con normalidade", segundo sinala a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.

"A situación está bastante controlada. A xente recorre á instalación en momentos puntuais, e dependendo da situación meteorolóxica", explica Caldas. Deste xeito, a instalación da carpa retrasouse unha semana despois do inicio do calendario de vacinas, posto que o tempo acompañou, e o seu uso non foi necesario. O primeiro día de actividade na carpa auxiliar foi o pasado venres, e no que vai de semana, se ben se rexistraron algunhas choivas, a tranquilidade tamén invadiu Anafáns, xa que coincidiu "coa marea e a ribeira. Moita xente do noso municipio adícase ao marisqueo, e iso mingua a afluencia no centro de saúde á hora de que se aglutine xente», sinalou a Concelleira.

O Concello baralla ampliar a estancia da carpa

Independentemente diso, as citas previas para a vacina continúan a estar completas esta semana e a seguinte, polo que a campaña está a transcorrer con éxito entre a veciñanza.

Durante as tres primeiras semanas de campaña, explica a concelleira, é cando se agarda máis afluencia de xente. Por este motivo, baralla alongar a estancia da carpa en Anafáns "tamén durante a próxima semana. Se fai bo tempo non fará falta, pero estamos á espera de que a coordinadora nos comunique o volume total de xente que se espera, para valorar se será necesario volver instalala despois desta fin de semana".

Coas normas covid-19, xunto á campaña da vacina, fíxose necesaria a instalación dun espazo coma este en Anafáns, posto que "a xente non ten onde agardar resgardada". No sucesivo, valora a Concelleira, as citas "estarán máis dosificadas nos tres meses que dura a campaña".

Comentarios