Clodomiro Ogando, o cura que lles canta aos veciños cada mañá polo WhatsApp

O párroco lamés de sete parroquias do Condado grava cancións cada día para animar aos veciños a quedar na casa ►A parroquia de Arcade, A Insua e o Viso, comparte os seus temas a diario e estes están a chegar a emigrantes en distintos puntos do mundo

Unha das persoas máis famosas que se poden atopar estes días nas redes do grupo de seguidores da parroquia de Arcade-A Insua e O Viso é o párroco Clodomiro Ogando Durán, que ten xa no seu haber, unha lista de sete videos musicais de ánimo que xeran o aplauso unánime destes centos de feligreses e dunha lexión crecente de seguidores. O curioso do caso é que don Clodomiro non é o cura de Arcade, do Viso, nin da Insua –aínda que por proximidade, ben o podería selo, porque naceu na Lama– senón que se encarga de coidar aos feligreses de Fontenla, Lira, San Mateo, Soutolobre, Leirado, Meder e Taboexa, parroquias de As Neves, Salvaterra e Ponteareas.

Clodomiro Ogando, nunha foto que se fixo este luns. CEDIDAClodomiro Ogando, de 60 anos, que leva 37 exercendo o sacerdocio, recoñece, de primeiras, que el é "un tipiño tímido", pero ao que lle pode a necesidade de responder ante os seus feligreses. Por iso, cando decretaron o estado de alarma, vendo que non ía poder dar misa, que non ía poder interactuar case con Cáritas e que o seu rebaño ía estar, coma o resto da cidadanía, confinado, argallou o xeito de chegar a cada casa sen deixar de atender á obrigas fundamentais estes días ao seu parecer como son "facer compaña, que as persoas non se sintan soas, infundirlles ánimo".

Para iso, como non ten redes sociais, pensou que o mellor era o WhatsApp e, con todo o ánimo, elaborou unha completa rutina diaria que pasa por pensar o tema musical, –que sempre interpreta con percusión tradicional galega–, fialo co salmo ou parágrafo da biblia que sexa necesario para levantar a moral da tropa e enviar esta produción por WhatsApp, primeiro, ao seu grupo de colaboradores, a Cáritas, e despois, un a un, aos seus feligreses destas sete parroquias. Faino así, recoñece, "porque hai tempo, xa que eu tampouco podo facer nada, e porque así lle podo dar ánimos personalizados a cada un, segundo a situación".

A idea, tivo tanto éxito que agora xa os propios feligreses avisan ao párroco se hai algún deles de aniversario para que lles poida cantar o Parabéns para ti, sempre pola rede de mensaxes de voz. Este luns, Clodomiro deu a sorpresa cantando unha versión de Hoy no me puedo levantar de Mecano. "Hoxe, volvinme levantar/ o coronavirus non nos vai derrotar/ Todos os días sen parar, correndo á nevera para ver que pillar", entonou, acompañado dos golpes dun dos seus instrumentos.

"A canción viña ao pelo para o luns, e a frase é un texto da Biblia. Casa día penso nun tema ou nun fío conductor", explica para darlle contexto a letras como "eu son cura, eu son cura, quéroche dicir, si/ reza desde a túa casa/ Deus tamén está aí", (pensada para o primeiro domingo sen poder acudir á misa), ou "eu non vou, eu no vou, eu no vou saír, quédome na casa, quérocho dicir", cantiga ideada para inspirar as primeiras xornadas de confinamento.

Todos os vídeos "son con percusión, porque eu son pandereteiro, do grupo Mistura, e con temas tradicionais, porque temos un repertorio moi amplo que podo adaptar para ter pezas durante todos estes días sen ter que repetirme", explica o párroco, que non esperaba que os seus feligreses compartiran estas cantigas cos seus coñecidos, e estes á súa vez con outros. Chéganlle noticias de que as viron en Polonia, ou de que os parientes brasileiros doutro tamén o seguen a diario. "Benaventurado sexa, se serve para animar ás persoas que teñen que encarar esta crise desde a soidade", recoñece Ogando.

UN MINUTO. Para non cansar ao seu público, que agora tamén o ve en Facebook porque os exalumnos deste párroco no seminario xa comparten as creacións do lamés nas súas redes sociais, cada vídeo dura un minuto contado, e remata coa mesma frase: "¡Xa sabedes: mellor, na casa!".

Este párroco tan amigo do folclore lembra que "Víctor Jara dicía que a vida é eterna en cinco minutos, pero eu afórrolle catro", antes de despedirse lembrando que non quere só chegar aos católicos "senón facer unha comuñón cidadá, pois todos estamos unidos nisto, máis alá das nosas crenzas".

Comentarios